DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Baltar explicou aos estudantes a historia e a actividade da entidade provincial

O alumnado de intercambio remata na Deputación a súa visita ás institucións ourensás

Trátase dunha trintena de universitarios procedentes de países como Brasil, México ou Alemaña

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 19/04/2012
Nos asentos do salón de plenos da Deputación Provincial de Ourense estiveron este xoves uns “deputados” moi especiais. Trátase dos estudantes de intercambio que este cuadrimestre estudan no campus de Ourense e que foron recibidos por Manuel Baltar, presidente desta institución. Procedentes de países moi diversos, desde Brasil a Alemaña, os universitarios remataron con esta visita o seu percorrido polas institucións ourensás, despois de ser recibidos o mércores polo alcalde da cidade, Francisco Rodríguez.

“O obxectivo desta visita é que coñezades un pouco máis a contorna onde estades, achegándovos ás principais institucións ourensás, neste caso a Deputación Provincial”, dixo María Lameiras aos asistentes durante o acto. A vicerreitora do campus ourensán fixo fincapé en que os arredor de trinta estudantes de intercambio que están agora nas aulas universitarias da cidade, alén das actividades formativas, se enriquezan persoalmente coa cultura e a vida en Ourense.

Durante a visita Manuel Baltar explicoulles aos asistentes a historia e as funcións do órgano que preside. “A Deputación é a entidade de goberno e administración da provincia, fundada en 1836, e que dá servizo aos 92 concello ourensáns”, destacou. O presidente da Deputación describiulles as competencias da entidade en servizos sociais, cultura e deporte e como foi elixido no seu cargo, entre outras cuestións. Tamén lles comentou aos asistentes a actual demanda da súa institución de redimensionar o papel das entidades públicas para “evitar duplicidades” nos servizos ao cidadán e tendo en conta a actual política de recortes.

Manuel Baltar apuntou neste senso que a formación debe ser unha prioridade aínda en tempos de crise, “porque se en algo vale a pena investir é nos recursos humanos e en xerar un escenario de futuro para eles”. Tanto María Lameiras como o presidente da Deputación quixeron pór de manifesto a estreita colaboración entre as dúas institucións e a súa satisfacción por ver como se desenvolve a faciana máis internacional do campus a través do alumnado estranxeiro. Como mostra desta colaboración, entre os estudantes estranxeiros asistentes á recepción estaban varios alumnos beneficiarios das bolsas Ourense Exterior, bolsas froito dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Deputación ourensá, que permite a descendentes de galegos realizar estudos de mestrado no campus de Ourense.