DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representantes de Comités e da Liga Estudantil Galega reuníronse co alcalde de Pontevedra

O alumnado pide o apoio do Concello á folga estudantil deste xoves

Convocan ao estudantado a unha manifestación que partirá ás 12.00 horas da praza da Peregrina

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
DUVI 18/02/2014

O alumnado universitario e de ensino medio foi chamado este xoves a unha xornada de folga en defensa dun ensino público e galego polos sindicatos estudantís Comités, Liga Estudantil Galega e Agir. Nesta xornada, celebraranse manifestacións nas principais cidades galegas, como a que partirá da praza da Peregrina de Pontevedra ás 12.00 horas. Co obxectivo de sumar forzas ao chamamento de paro, representantes destas organizacións mantiveron este martes un encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que lles trasladou o seu apoio a xornada de mobilizacións programada para este 20 de febreiro.

“Díxonos que secundaba as nosas reivindicacións e que chamaría a todo o estudantado a manifestarse con nós”, explica Javier Brea, representante da Liga Estudantil Galega, que xunto con Rebeca Cambeiro, de Comités, participou nesta xornada nunha reunión na que Fernández Loures estivo acompañado do concelleiro de Normalización Lingüística e Xuventude, Demetrio Gómez, e da edil de Protección Cidadá, Carme da Silva.

Críticas á Lomce e aos recortes no ensino

Os portavoces das organizacións sindicais expuxeron na xuntanza que tivo lugar no Concello os principais motivos da convocatoria, recollidos no manifesto conxunto que acordaron as tres organizacións sindicais e que centran na defensa dun “ensino público e galego”, como explica Brea. O representante da Liga Estudantil Galega valorou así mesmo a disposición amosada por Fernández Lores a acompañalos se lle é posible na manifestación que partirá ao mediodía da Peregrina e, tras percorrer as principais rúas do centro da cidade, pecharase nesta mesma praza pontevedresa.

Brea incidiu tamén en que con esta folga preténdese facer patente o rexeitamento do alumnado aos “todos os recortes que se están a facer no ámbito do ensino, tanto por parte da Xunta como polo Goberno español”, e que no ámbito universitario se traduciron en medidas como “os recortes nas bolsas Erasmus ou o aumento das taxas universitarias”. Mais esta xornada de mobilización tamén pretende servir como mostra de rexeitamento á xa aprobaba Lei orgánica de mellora da calidade educativa, a Lomce, da que os sindicatos estudantís critican “a implantación de reválidas no ensino medio, que trate de impoñer o español como lingua única no ensino ou a perda de competencias que supón en materia educativa para a Xunta”, denuncia o representante da Liga Estudantil Galega.