DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa arrancou este luns cunha xornada sobre xordeira

Alumnado de Traballo Social participa nun proxecto de aprendizaxe servizo centrado nas persoas con discapacidade sensorial

O estudantado implicado deseñará propostas en beneficio destes colectivos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cooperación
  • Académica
DUVI Ourense 18/09/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este luns a xornada Persoas con xordeira, comunicación e accesibilidade. O seu obxectivo foi proporcionar ao alumnado “coñecementos e fomentar actitudes que contribuían a construír un mundo máis xusto que reduza as desigualdades e acabe coas fendas do benestar e das desigualdades asociadas á diversidade funcional”, tendo en conta o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 10. A actividade contou coa participación de membros da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

Con esta actividade arrancou o proxecto de aprendizaxe servizo Educación para a Diversidade, Transforma a Sociedade, coordinado pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social María José Váquez e desenvolvido xunto á tamén docente deste centro Fátima Braña. Segundo explican desde a súa organización, o proxecto desenvólvese este cuadrimestre no marco das materias que imparten estas dúas profesoras en primeiro curso do Grao en Traballo Social, como son Psicoloxía Básica e Antropoloxía: Antropoloxía Social e Cultural, con arredor de 70 persoas inscritas. Conta co apoio da Cátedra Unesco Transformative Education: Sicence, Communication and Society; a Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo; a propia Facultade de Educación e Traballo Social; FAXPG e a Once Ourense. Polo seu interese educativo, a xornada celebrada este luns estivo aberta á asistencia de alumnado doutras titulacións da facultade que a acolleu.

Da teoría á práctica

A  xornada Persoas con xordeira, comunicación e accesibilidade contou coa participación por parte da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia do educador Javier Sánchez, do técnico de accesibilidade Miguel Dorado e da especialista en lingua de signos Isabel Pardo, que se desprazaron desde A Coruña. A sesión arrancou cunha presentación da súa federación e dos seus servizos e continuou abordando temas como a perda auditiva, o concepto de persoa con xordeira, as variables que inflúen no seu desenvolvemento e as axudas técnicas dispoñibles (como audiófonos e implantes cocleares). O alumnado presente tamén se puido achegar á lingua de signos, abordando aspectos como o bilingüismo, a privación lingüística e as implicacións da xordeira; as estratexias comunicativas (dedicando atención ao papel da e do intérprete de lingua de signos) e as barreiras de comunicación e recursos para a accesibilidade. Para rematar a sesión celebrouse un obradoiro de lingua de signos.

“Levamos desenvolvendo este tipo de dinámicas de aprendizaxe servizo desde fai varios anos con moi bos resultados, implicando cada ano a colectivos específicos. Nesta edición, trátase de dúas asociacións coas que non colaboramos anteriormente e que traballan con persoas con discapacidade sensorial, como son a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, que participa na xornada de hoxe, e Once, que o fará nunha vindeira sesión”, explican desde a organización do proxecto. No marco desta iniciativa, o alumnado asistirá a estas sesións formativas, realizará saídas de campo e deseñará, no marco dun proxecto de investigación, “un produto que sexa útil para a sociedade” e para os citados colectivos e neste caso destinado a museos. Alén de desenvolver este “produto”, o contacto do alumnado coas entidades colaboradoras, subliñan desde a organización, permitiralles non só tomar conciencia das problemáticas que afrontan os diferentes colectivos que abranguen senón tamén ver o traballo que se desenvolven nelas e coñecer as competencias que precisarían e as funcións que levarían a cabo se no futuro traballasen nelas como educadoras e educadores sociais.