DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Publifestival recoñece o seu talento entre máis de 250 traballos presentados

Alumnado de último curso de Publicidade deixa pegada no campus cun novo premio

Os estudantes recollerán o galardón o vindeiro 15 de xuño en Barcelona

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 01/06/2012

Se hai unha semana cinco estudantes de cuarto de Publicidade e Relacións Públicas coñecían que eran finalistas no Festival El Sol, este xoves a organización de Publifestival, certame internacional de publicidade social, informaba a outro grupo de alumnos e alumnas do mesmo curso que son un dos catro gañadores da categoría de Novos Talentos. De novo da man do profesor Alberto Dafonte, Elena Domínguez, Cristina Márquez, Sofía Borra, Javi Canle e Jorge Castro foron quen de convencer ao xurado deste festival cun anuncio sobre o consumo responsable de auga, conseguindo posicionarse entre as catro mellores propostas de 250 presentadas. “Recibimos a noticia con moita ilusión. É insuperable o de rematar cun premio a carreira”, confesa Elena Domínguez, unha das alumnas galardoadas que se desprazará a Barcelona o vindeiro 15 de xuño cos seus compañeiros para recoller o premio.

Os cinco estudantes confesan que non esperaban recibir este recoñecemento “que significa moito xa que nos permite ir asomando a cabeza e entrar no mundo profesional”, apunta Domínguez. Tal foi a calidade da peza que, por erro, inscribiron a idea na categoría de axencias de publicidade “e aínda así nos seleccionaron nesa modalidade, na que competiamos con verdadeiros profesionais”, comenta a alumna. Ao final, a organización trasladou a peza á categoría que lle correspondía “alzándonos igualmente cun dos premios”.

A auga, fonte esgotable

Este traballo enmárcase dentro da materia de Laboratorio de Produción Publicitaria en Televisión, impartida polo profesor Alberto Dafonte a través da cal orientou ao seu alumnado a participar neste festival con fins solidarios. “A creatividade por creatividade é moi bonita pero o complicado é adaptarse a unhas condicións concretas”, declara Dafonte, de aí que decidira que os estudantes rodasen un spot cuns requisitos en concreto, neste caso, que incluíse unha clara mensaxe social. O certo é que o profesorado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación gabou a calidade deste anuncio de menos dun minuto co que se pretende concienciar á cidadanía sobre a importancia de preservar a auga. Baixo o lema Save the water, “quíxose reflectir a idea de que non é un recurso inesgotable e que a súa desaparición pode estar máis preto do que se pensa”, explica Elena Domínguez. Realizaron unha comparación co mundo da arte, “no que moitas obras collen valor tras o falecemento do autor” para concluír que “hai que darlle á auga a importancia que merece antes de que se acabe”. O grupo de estudantes prestoulle especial atención á posta en escena, escollendo como escenario de gravación a Cidade da Cultura “xa que se buscaba un espazo futurista que transmitise un sentimento de soidade”, aclara Domínguez.

Contar con material para o currículo

A esencia deste premio xorde da intención de Dafonte “de que os traballos de clase sirvan para algo máis que para unha simple nota”, sacándolle un dobre rendemento que se vexa reflectido no currículo do estudante. “Froito desta iniciativa xa temos algo que dicir de nós e xa contamos con material para poder ensinar nas entrevistas”, comenta unha das alumnas, ademais de proxectar o traballo e a formación publicitaria da facultade pontevedresa alén da comunidade galega. Son cinco alumnos e alumnas que están a días de rematar os seus estudos pero que se senten especialmente motivados para saír ao mercado laboral grazas a este recoñecemento “pois non só marchamos cun título debaixo do brazo, senón tamén cun premio nacional”, conclúe Domínguez.