DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iniciativa Estudantil Galega, IESGA, organizou unha sentada pacífica na Facultade de CCSS e da Comun

O alumnado universitario mobilízase en defensa dos seus dereitos

A organización destaca que a situación é límite, “ás portas da privatización do sistema educativo pú

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 25/04/2012

Co lema “menos recortes, máis educación”, alumnado do campus de Pontevedra manifestouse este mércores en contra das reformas educativas do goberno central, cunha sentada pacífica promovida por IESGA, Iniciativa Estudantil Galega, nas tres universidades galegas. Esta mobilización, que se suma ás convocadas a nivel nacional por outras organizacións estudantís, amosa a preocupación da mocidade polas subidas das taxas universitarias e polos “sucesivos” recortes, “o maior ataque á universidade pública que se coñece ata entón, estando ás portas da privatización do sistema educativo”, declararon dende IESGA.

No campus pontevedrés, a sentada celebrouse na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e o alumnado contou co apoio de Agustín Fernández, concelleiro de Educación do Concello de Pontevedra, que tamén amosou o seu desacougo fronte aos “continuos” recortes do goberno central en materia de educación. “Estou aquí para manifestar que dende o concello estamos en contra destas medidas xa que a educación debe ser considerada un investimento e non un gasto”, declarou o concelleiro. Nun comunicado facilitado pola organización estudantil, Juan Jesús Sánchez, coordinador de IESGA, denuncia que “nun momento de intensa crise económica, unha subida de taxas destas características condena a moitos estudantes a abandonar os seus estudos” e asegura que as medidas do goberno non foron consultadas nin dialogadas coa comunidade educativa.

As clases medias e baixas, as máis prexudicadas

Unai Pardavila, estudante de Enfermaría e membro de IESGA, liderou a protesta dende o campus pontevedrés. Destacou que coas novas reformas do goberno, o prezo da matrícula ordinaria pódese incrementar “ata 500 euros”, o que obrigaría a moitos alumnos e alumnas “a deixar os estudos sen ter rematado”. Dende IESGA aseguran que aumentar as taxas sen mellorar a cobertura do sistema de bolsas “afecta á igualdade de oportunidades” e lembran que España inviste nesta materia un 0,1% do PIB “fronte ao 0,2% da media dos países da OCDE”.

Pardavila tamén apuntou que as medidas “sempre prexudican aos mesmos, á xente con menos recursos”, recaendo todo o peso nas clases baixas e medias e “cargando inxustamente todos os problemas de financiamento do sistema universitario sobre sobre os estudantes e as familias”. Pardavila engadiu que esta sentada pacífica foi a primeira dun grupo de accións pensadas co obxectivo de mobilizar a un maior número de estudantes para “facernos ver e que nos escoiten”.