DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A psicóloga Enma Mayo imparte este obradoiro botando man das súas propias vivencias e experiencias

Alumnas de Educación Infantil e Primaria póñense no lugar dunha persoa con discapacidade visual

O taller dirixido pola profesora Esther Martínez cubriu todas as súas prazas en tan só un par de día

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 20/09/2013

Non hai mellor xeito de saber que sente unha persoa cunha discapacidade visual que poñerse no seu lugar aínda que só sexa un par de minutos. Esa é a idea que traía en mente a psicóloga Enma Mayo para amosarlle ao futuro profesorado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte como entender e traballar na aula cun alumnado destas características, atendendo sempre ás necesidades específicas de cada un deles. Son 20 alumnas, matriculadas todas elas nos graos en Educación Infantil e Primaria, as que están a participar neste obradorio titulado Os talleres escolares como espazos de sensibilización, dirixido pola profesora Esther Martínez, e que rematará o vindeiro xoves 3 de outubro. A proposta desta docente tivo moi boa acollida por parte da comunidade universitaria ata o punto de cubrírense en tan só un par de días todas as prazas ofertadas.

Co obxectivo de achegar a estas estudantes á realidade dunha persoa que, ao igual que a propia Enma Mayo, ten unha discapacidade visual, a psicóloga propúxolles explorar o seu centro de estudos cuns lentes moi especiais que alteraban a súa visión normal. A actividade serviulles a estas mozas para ver e entender en primeira persoa que sente un neno ou nena cun campo visual reducido ou cun problema de baixa agudeza visual. Laura Juncal e Elena Rial son dúas alumnas de segundo e terceiro curso do grao en Educación Infantil que viron como lles resultaba practicamente imposible mercar unha bebida nunha máquina dispensadora. “Os números non paraban de moverse e eu debía forzar moitísimo a miña vista para intentar velos”, explica Juncal. Dor de cabeza e inseguridade foi o que experimentou Rial ao poñer tamén uns lentes que simulaban a visión dunha persoa cun campo visual reducido. Ana Román, estudante de primeiro curso do grao en Educación Primaria, salientaba que con ese mesmo tipo de lentes “as escaleiras convertíanse en ramplas e, por suposto, non me atrevín a baixalas”. Pola súa banda, María Teresa Sánchez, alumna tamén de Educación Primaria, tivo a oportunidade de experimentar o que sente e tamén o que ve unha persoa cunha baixa agudeza visual. “Sorprendeume moitísimo todo o que deixei de ver. Non vía o chan, non vía as paredes que había ao meu lado. Foi agobiante”, relata Sánchez.

Para entender tamén a importancia da comunicación e mais da interacción na aula co alumnado que presenta algún tipo de discapacidade visual, Enma Mayo propúxolles outras dúas actividades ao longo da xornada. No primeiro destes exercicios dúas alumnas debían colocar do mesmo xeito unha serie de obxectos enriba dunha mesa. Unha delas tiña os ollos tapados e a outra debía darlle as indicacións necesarias para culminar con éxito esta práctica. As referencias no espazo, a identificación dos obxectos e a súa posterior colocación non confundindo a dereita coa esquerda “serviulles a estas 20 mozas para comprender o importante que é manter informado ao neno ou nena con discapacidade visual de todo o que acontece na aula” destaca Enma Mayo. Ordenar nove moedas en relación ao seu valor tamén achegou a estas estudantes ao sentido do tacto, o único xeito que ten unha persoa cunha discapacidade visual para identificalas. Os seus bordes, rugosos, lisos, os cortes nos laterais e o propio tamaño e peso foron claves para acadalo obxectivo marcado.

Como detectar o problema e como traballar co alumnado?

“A miúdo o neno ou nena non mira o que fai, máis ben dá a sensación de que escoita máis que mira”, comenta Enma Mayo. Ao longo de toda a xornada, a psicóloga lembroulles ás futuras docentes a necesidade de identificar a tempo este problema na súa aula. “Informar á familia e recomendar a visita a un oftalmólogo son os pasos a seguir no caso de estarmos seguros. Se pola contra, temos certas dúbidas sempre podemos pedirlle consello aos nosos compañeiros de traballo ou recorrer á figura do orientador ou orientadora da escola”, explica. Tropezóns, caídas, dores de cabeza ou simplemente achegarse ao caderno para ler ou pintar poden ser algún dos síntomas dun problema visual que debe ser tratado en función da súa gravidade.

Á hora de traballar cun alumno ou alumna cunha discapacidade visual “é moi importante que o docente pense primeiro no rapaz e logo na súa discapacidade”, salienta Mayo. A partires dos 11 anos o ritmo de aprendizaxe dun rapaz ou rapaza con este tipo de discapacidade é practicamente o mesmo que o doutro neno ou nena cunha visión normal, segundo relata a psicóloga, ao tempo que destaca que esta aprendizaxe é máis lenta cando empezan a ler e a escribir xa que a súa velocidade de lectura é moi inferior á dunha persoa cunha visión correcta. Este tipo de alumnado ten que recorrer en moitas ocasións a lupas, un libro-audio ou incluso ao sistema Braille. Nestes casos, a recomendación de Mayo para lograr un mellor ambiente de traballo na aula “é lograr a complicidade do resto dos seus compañeiros sensibilizándoos pouco a pouco a través da vosa propia creatividade”.

A primeira colaboración coa Universidade

Esta non é a primeira ocasión que Enma Mayo se pon diante dun grupo de alumnos e alumnas para impartir unha clase ou un obradoiro pero si é a primeira vez que visita a Universidade de Vigo, convidada nesta ocasión pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Esther Martínez. Mayo compaxina a súa profesión como psicóloga coa docencia ao ser profesora asociada na Universidade Internacional da Rioxa. A posibilidade de impartir este obradoiro foi para a psicóloga “unha oportunidade única para ofrecerlle ao alumnado asistente unha formación complementaria, non estudada en profundidade durante o grao, que lles dea as ferramentas necesarias para fomentar a inclusión nas aulas deste tipo de nenos e nenas con algunha discapacidade visual”, comenta. Precisamente neste mesmo punto incidiu a directora do curso, a profesora Esther Martínez, quen salientou “a necesidade de que os futuros docentes saiban elaborar o seu propio material e varialo en función do grao de diversidade que presente a súa aula.”