DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impúxose nun torneo no que participaron 400 candidaturas de máis de 20 países

O alumno da UVigo Tomás Aparicio proclámase campión do mundo de oratoria

Estudante de ADE-Dereito, este torneo foi para el o broche de ouro a unha tempada chea de éxitos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 13/10/2023

“É unha enorme satisfacción, tanto para min como para a nosa asociación Retórica UVigo”. Así se amosaba esta mañá Tomás Aparicio, alumno de 5º curso do Dobre Grao de ADE Dereito tras proclamarse campión do mundo de oratoria en español. Fíxoo no torneo Esto es debatible 2023, competición organizada pola Liga Española de Debate Universitario (LEDU) e a Red Latinoamericana de Cooperación Universitaria, cuxa final se disputou na tarde noite do 11 de outubro en Espazo Fundación Telefónica de Madrid.

”Estou moi contento, sobre todo si penso en todo o traballo e tempo que lle dediquei ao longo dos últimos meses á preparación deste torneo”, explica Aparicio, quen se impuxo ao arxentino Leandro Flores, da Universidade de Tucumán, nunha disputada final na que se enfrontaron estilos moi diferentes de persuasión e unha gran pluralidade de acentos.

Presentáronse ao torneo máis de 400 persoas dunha vintena de países e a organización, en base aos méritos de cada unha das persoas candidatas, seleccionou a 75 participantes. Cada un deles tivo que preparar un vídeo de dous minutos de duración acerca dun tema tan candente como si seremos capaces de distinguir as noticias verdadeiras das falsas coa Intelixencia Artificial.  Atendendo a eses vídeos seleccionáronse 15 semifinalistas e, posteriormente, empregouse un sistema mixto para elixir os catro finalistas que acudirían á gran final de Madrid, ponderándose a puntuación dun xurado técnico internacional coa votación do público, obtida tras colgarse os vídeos en Instagram, onde acadaron máis de 180.000 visualizacións e máis de 12.000 votos en dez días.

“O meu discurso foi moi natural”

Nesa gran final a catro os participantes representaron a Arxentina, Colombia, Italia e España. “Foi un proceso longo dende que nos inscribimos ata poder chegar á gran final”, explica o flamante gañador do torneo, quen sitúa na naturalidade do seu discurso a clave do seu éxito. “O meu discurso foi moi natural, non tratei de situarme nun rol forzado, senón de transmitir a miña naturalidade, amosarme tal e como son no día a día e como me comunico de xeito habitual”, explica Aparicio, ao que engade que empregou exemplos “cos que todos podemos empatizar e cos que o público puido conectar”.

Broche de ouro para unha tempada salpicada de premios

Subcampión da liga Española de Debate Universitario de 2022. Este verán Tomás Aparicio foi finalista de EY Voice e, previamente, fora elixido mellor orador en diversas competicións de debate, así como campeón dos torneos de ADUMA Málaga e Indalo de Almería. Agora, cando acaba de ser proclamado campeón do mundo, a súa cabeza pensa xa na nova temporada de debates. A gran cita será a final da Liga Española de Debate Universitario, un evento que acostuma celebrarse no mes de setembro e que constitúe a competición máis importante do ano. “Para poder chegar a esa final hai que gañar algún dos 16 torneos que se disputan ao longo de todo o ano”, subliña Tomás, quen resalta que “este ano tivemos a sorte de gañar dous torneos e este curso ímolo volver tentar”.

Estudante dun dobre grao, titulacións que acostuman caracterizarse por un alto nivel de esixencia académica, Aparicio admite que para poder compatibilizar estudos e oratoria ten que facer verdadeira “enxeñaría co tempo”, xa que participar neste tipo de torneos supón un grande investimento de horas, tanto na preparación dos discursos, como nas viaxes ás diferentes cidades nas que se celebran e nos propios torneos, pois acostuman a durar entre dous ou tres días.  “É algo que consume moito tempo e, ao ter que facelo de maneira simultánea coas clases non queda outra que estudar moito e durmir pouco”, unha receita a que tamén engade “unha pinga de sorte, algo que sempre é importante”.