DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnos da Aula de Maiores coñecen as diferentes especies naturais do campus seguindo a "Ruta das Árbores"

Este é a última visita do curso, o acto de clausura das clases será o próximo día 10

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 04/06/2009

A Aula de Maiores saíu este mércores á rúa para coñecer mellor a contorna medio ambiental do seu propio campus. Esta visita levou aos estudantes, maiores de 55 anos, a percorrer a Ruta das Árbores, composta por 25 especies diferentes, moitas das cales son senlleiras polo seu porte e idade. Guiados por un técnico e un biólogo da Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo, o grupo paseou entre abetos, cedros, cerdeiras, sobreiras, palmeiras e moitas máis arbores, cada unha sinalizada cun cartel onde se indica o seu nome, a orixe xeográfica, detalles da súa bioloxía e os usos que o home fai dela.
A curiosidade coa que os estudantes atendían ás explicacións puxo de manifesto o seu interese por seguir aprendendo e coñecendo aspectos da vida do máis diverso. Aínda que a diferenza cos estudantes convencionais é evidente, “son igual de novos que o resto na súa mentalidade e ganas de aprender”, comentou Josefina Pato, directora da aula.
Preto de cen alumnos, na súa maioría mulleres, atópanse matriculados no Programa de Maiores e cada ano participan máis, o éxito desta iniciativa radica para Pato en que “aquí adquírense novos coñecementos, apréndese a convivir e abárcase unha cultura universal”, indicou Pato. Pero quizais, máis importante que acumular saber é a propia relación que se establece entre os alumnos, “aprenden uns de outros e comparten experiencias”. Por iso neste punto “as visitas e excursións son o que mellor responde ao espírito do programa”. Ao longo deste ano os estudantes compartiron o seu tempo en actividades culturais e visitas turísticas e de ocio como a do río Caldo e as súas augas termais, a de Sarreaus ou a do norte de Portugal. Sen embargo achégase o verán e con el o remate do curso, as visitas van chegando ao seu fin e os estudantes prepáranse para a despedida, pero de seguro retornarán en setembro cargados de novas ilusións.

Seguir aprendendo

A ilusión por aprender e coñecer xente nova son os principais motivos que impulsan a estes estudantes a ingresar na Aula de Maiores. Un dos máis veteranos, Luis López, explica que a aula “supón a ansia e a ilusión de saber”. O máis importante que sacou en limpo desta experiencia, na que aínda se atopa embarcado, non son os coñecementos senón “a relación con diferentes persoas de moitas profesións, darme de conta da cantidade de puntos de vista diferentes que hai das interpretacións socias e políticas, que antes non toleraba e que agora comprendo”.
Pola súa banda, Asun Outeiriño, de segundo curso, está encantada coas clases, “estou adquirindo e asimilando cousas novas, é unha experiencia moi enriquecedora”.
Para Emilia Pelayo, de primeiro, que coñeceu a aula a través dunhas amigas, “sempre se están aprendendo cousas e eu tiña inquietude por saber máis”.

Últimas actividades da aula

A Aula de Maiores despedirase ata o seguinte curso este mércores 10. A xornada de clausura comezará ás 18 horas coa inauguración dunha exposición de fotografía antiga, ata o ano 1974, no Museo Pedagóxico da Facultade de Ciencias da Educación. A mostra está composta por fotografías persoais e culturais recompiladas por un alumno da aula entre os seus propios compañeiros. Ao remate da inauguración pasarán ao salón de graos do Edificio de Ferro, onde se celebrará un acto literario coa lectura dunha obra de Rabindranath Tagore. Posteriormente serán os integrantes da aula os que lean ou reciten algún texto escrito por eles mesmos.