DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acollerá proximamente as 'IX Xornadas Sociedade e Dereito'

Unha análise crítica do sistema electoral e da súa historia

28 conferencias e debates revisarán as fórmulas de participación da cidadanía nos asuntos públicos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 08/03/2012

O financiamento dos partidos políticos, a participación política dos estranxeiros, o sistema electoral ou o emprego das novas tecnoloxías nas votacións son temas que suscitan periodicamente o interese e o debate na sociedade. Para avanzar neste eido, a Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrará en marzo e abril as IX Xornadas Sociedade e Dereito. Dereito de sufraxio, réxime electoral e partidos políticos: da Constitución de Cádiz aos nosos días. Nesta cita, destacados expertos do ámbito académico e profesional afondarán, a través de 28 conferencias e mesas redondas, na participación activa dos cidadáns nos asuntos públicos.

As IX Xornadas Sociedade e Dereito, dirixidas polo profesor José Agustín González-Ares, terán lugar os días 29 e 30 de marzo e o 10, 11, 12 e 13 de abril, coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Ourense, do Consello Social da Universidade de Vigo, do Colexio de Avogados de Ourense e da Editorial Tirant lo Blanch. O obxectivo desta iniciativa é, segundo explica González-Ares, “ofrecer unha renovada observación crítica dos modelos de participación activa dos cidadán e da súa plasmación en diferentes fórmulas representativas, tendo en conta a acelerada realidade histórica e política contemporánea”.

Para realizar esta revisión histórica e de actualidade do sistema electoral, as conferencias afondarán en cuestión como a historia do sufraxio feminino, o financiamento dos partidos políticos, a representación política nos municipios, a política de base, a función do senado, as eleccións sindicais, os partidos minoritarios no sistema electoral ou a constitución de 1812. Este temas serán expostos por un destacado panel de conferenciantes do eido académico, xudicial e político. Estarán catedráticos como Luis Rodríguez Ennes, Jaime Cabeza e Roberto L. Blanco e políticos como Laura Seara e Carlos Aymerich.

Pasado e presente

Sobre a importancia de botar unha ollada á historia do sufraxio para entender de onde nace o sistema electoral actual, o coordinador das xornadas salienta que “a aplicación do sufraxio e das regras electorais e os partidos políticos tiveron no noso país unha traxectoria desigual e accidentada”. Deste xeito, explica, aínda que o sufraxio universal masculino implantouse en España en 1868 o seu exercicio foi interrompido en numerosas ocasións e cando puido votarse fíxose nas condicións anómalas da Monarquía liberal de finais do século XIX e principios do XX.

Xunto a esta visión histórica, o coordinador desta cita salienta a importancia de analizar a realidade do sistema hoxe en día. “Os cidadáns teñen o dereito a participar nos asuntos públicos, directamente ou por medio de representantes libremente escollidos nas eleccións periódicas por sufraxio universal. Para facilitar a convivencia humana hai que fomentar a participación de todas e todos nas decisión do poder. A participación política é pois o punto de partida onde se cruzan a necesidade de intervención persoal coa colectiva”, advirte González-Ares.

As xornadas, dirixidas a estudantes, profesionais e público en xeral interesado nesta temática, pretenden enriquecer a oferta académica e cultural da cidade e da provincia de Ourense. O seu custe é de 68 euros, cun prezo reducido de 34 euros para o alumnado da Universidade de Vigo. O prazo de matrícula xa está aberto ata o vindeiro día 26 de marzo.