DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade de Vigo e Concello de Ourense renovan a súa colaboración neste eido

A análise microbiolóxica das termas públicas seguirá en mans de investigadores do campus

Cada mes os técnicos universitarios determinan a calidade da auga nos lugares gratuítos de baño

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 15/06/2012
Un dos maiores reclamos turísticos de Ourense e un dos puntos principais de ocio para os ourensáns é a rede de termas públicas e gratuítas existente na cidade. Para continuar garantindo o control da calidade das súas augas, o Concello de Ourense e a Universidade de Vigo veñen de renovar o seu acordo para que os investigadores do Grupo de Microbioloxía do campus de Ourense continúen coas análises periódicas de control dos mananciais e augas de baños das áreas termais da cidade.

En virtude do acordo, renovado este xoves, os técnicos da Facultade de Ciencias analizarán as augas das áreas termais municipais de uso público e gratuíto de As Burgas, A Chavasqueira, O Tinteiro, Reza, Muíño da Veiga, Outariz e Burgas de Canedo. Para facelo, o Concello ourensán destinará a estes traballos un orzamento de 16.213,30 euros, que permitirán aos investigadores dar continuidade ao traballo que viñan realizando en virtude das liñas de colaboración abertas entre as dúas institucións.

Os técnicos do Grupo de Microbioloxía comproban cada mes todos puntos de baño das áreas termais municipais de Ourense, a través de análises microbiolóxicas nas que se estudan todos os parámetros legalmente establecidos para zonas de baño. A maiores, dúas veces ao ano realizan análises dos propios mananciais dos que manan as augas termais. Neste caso téstanse parámetros tanto microbiolóxicos como fisico-químicos que permiten comprobar a estabilidade e ausencia de alteracións dos mananciais e contrastar o seu bo estado xeral en termos de cantidade e calidade das augas, comprobando tamén que a súa composición non varía.

Un segundo convenio no eido termal

Este convenio non é o único establecido entre a Universidade de Vigo e o Concello de Ourense no eido termal. O pasado 31 de maio, Francisco Rodríguez, alcalde da cidade, e Salustiano Mato, reitor da Universidade, asinaron outro convenio de colaboración para a realización dun proxecto de investigación sobre o modelo hidroxeolóxico do xacemento termal da cidade. Froito deste traballo, que realizará o Grupo de Investigación en Xeotermia e Hidroxeoloxía da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, crearase en setembro un sistema completo de información xeográfica que permitirá ás institucións dispor dunha ferramenta para mellorar a xestión, a planificación e a protección deste ben cada día máis prezado. Nesta ocasión, o Concello de Ourense achegou ao proxecto, dirixido por Pedro Araújo, 70.000 euros procedentes de fondos financiados con cargo a un convenio da administración local co Instituto de Turismo de España Turespaña para o desenvolvemento de investimentos vinculados ao Plan Estratéxico Termal.