DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A creadora expón na Biblioteca do campus a serie de fotografías 'Nítido-Borroso'

Andrea Valado desenfoca a imaxe para afondar nos estereotipos

O Outono Fotográfico acolle tamén unha mostra con obras do VIII Certame de Fotografía da Universidad

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 03/11/2011
“A visión do ser humano é astigmática, observa do xeral ao concreto, percibindo obxectos inanimados e persoas como manchas borrosas. Deste xeito, se contemplamos a fotografía dun suxeito borroso ou movido a nosa mente intenta asociar esa imaxe con algo que xa coñecemos”. Con esta idea de partida a creadora Andrea Valado realizou a serie de fotografías chamada Nítido-Borroso que desde esta semana se pode ver na Biblioteca do campus de Ourense co gallo da celebración do Outono Fotográfico, que tamén trae ao Edificio Politécnico unha mostra coas obras do VIII Certame de Fotografía da Universidade de Vigo.

A mostra de Andrea Valado, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e membro do Colectivo METT 03.04, pódese ver na entrada da Biblioteca do campus ata o vindeiro 16 de novembro. Trátase dunha serie de nove fotografías montadas en caixas de luz que plasman diferentes obxectos e zonas do corpo cunha parte enfocada e outra desenfocada. “Ante unha imaxe borrosa comas estas aplicamos por deslizamento un cualificativo ou estereotipo cultural. A nosa memoria, ao contemplar estas imaxes, a simple vista desprovistas de significante, transforma unha muller cun neno nunha nai, un home de idade avanzada nun ancián, etc.”, explica a creadora.

Con esta serie fotográfica, Andrea Valado salienta tamén que quixo xogar co feito de que “grazas á perfección da técnica e ao gusto pola hiperrealidade se dá tamén o fenómeno contrario, unha volta ás imaxes imperfectas, ao borroso como eloxio do movemento, do infinito como xéneses da propia fotografía e da arte”.

Mostra no Edificio Politécnico

Ademais da mostra de Andrea Valado desde esta semana e ata o vindeiro 18 de novembro, na primeira planta do Edificio Politécnico pódese ver unha exposición coas obras presentadas ao VIII Certame de Fotografía da Universidade de Vigo. Entre as imaxes que se poden ver están a serie Naturaleza Couché, de Nuria Rodríguez, que acadou un accésit no certame; a fotografía Extraños Paisajes II, de Minia Segunda Martínez, que gañou o primeiro premio na categoría fotografía única; e Light Drawing, de Diego Castedo, galardoado cun accésit.

Estas dúas exposicións únense á xa inaugurada no Edificio de Ferro Cidade de tod@s, fogar dalgun@s?, de Médicos do Mundo. Tres propostas para o goce da comunidade universitaria e dos cidadáns en xeral coas que o campus de Ourense se une ao Outono Fotográfico, a cita de referencia fotográfica para o público xeral e que nesta edición encherá 90 salas de diferentes puntos da xeografía galega con imaxes de 500 fotógrafos.