DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente foi un dos nove expertos internacionais reunidos pola institución para avanzar neste eido

Ángel Barajas únese ao equipo UEFA do xogo limpo financeiro

A máxima autoridade do fútbol europeo quere protexer a sostibilidade da competición

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 29/02/2012

Nos partidos de fútbol oficiais non só se xogan resultados deportivos. Cada día máis os resultados económicos son os protagonistas da vida de clubs e ligas. Por este motivo, a máxima autoridade europea neste deporte, a UEFA, está potenciando nos últimos anos o chamado xogo limpo financeiro. Un concepto que se traduce en que os equipos teñen que vivir acorde coas súas posibilidades económicas e teñen que ter saneadas as súas contas. Coa crise económica como fondo e co desexo de avanzar na aplicación deste xogo limpo, recentemente a UEFA convocou a un panel de expertos internacionais no eido da economía deportiva a unha reunión de traballo na súa sede, na cidade suíza de Xenebra. Entre os nove elixidos estivo Ángel Barajas, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e responsable do seu Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte.

Segundo explica Barajas, a UEFA conta cun equipo de traballo que está implantando o xogo limpo financeiro a través dun sistema de licencias propio, un sistema que obriga aos clubs que queiran participar nas competicións europeas a cumprir unha serie de requisitos técnicos e económicos. “A UEFA convidounos porque quería recoller a opinión de diferentes expertos do ámbito académico sobre como se están aplicando as regras do xogo limpo financeiro, que buscan algo tan fundamental como protexer a viabilidade e sostibilidade das competicións oficiais”, apunta Barajas.

O sistema, a análise

Na cita, que tivo lugar o 30 de xaneiro, participaron tamén Wladimir Andreff, da Universidade da Sorbona; Stephen Morrow, da Universidade de Stirling-Reino Unido; Jo Swinner, da Universidade de Lovaina; Konstantine Sonin, da Universidade de Moscú; Petros Mavroidis, da Universidade de Florencia; Stefan Szymaski, da Universidade de Michigan; Egon Franck, da Universidade de Zúrich, e o consultor en comunicación Mark Oliver, que foron recibidos por Andrea Traveso, director da UEFA. Durante a sesión de traballo os participantes afondaron en catro cuestións fundamentais, como son as fortalezas e debilidades do xogo limpo financeiro; o seu regulamento e avaliación; a súa aplicación, incentivos, sancións e riscos e o suposto de que pasaría se non se esixise este xogo limpo.

Cada un dos participantes realizou dúas intervencións e participou do debate das demais. “No meu caso concreto acheguei unha visión principalmente desde a óptica da administración de empresas, participando no debate de se os requisitos aos clubs se centran demasiado nas perdas e ganancias ou se deberían considerar aspectos como a débeda e os recursos propios á hora de avaliar o seu estado”, salienta o docente.

A "burbulla" do fútbol

Outros dos temas máis presentes na reunión foron o das consecuencias da crise económica na economía dos clubs, ao perder financiamento das administracións; de se existe ou non “unha burbulla” neste sector e o papel dos investidores multimillonarios nos equipos. “Do que se trata é de que os clubs se xestionen ben para garantir a súa supervivencia e a das competicións nas que participan. Se un equipo ten que deixar a liga por temas económicos no só sae prexudicado el senón tamén a competición”, resume o docente.

Estas normas de xogo limpo no ámbito financeiro aplícase ás competicións europeas xestionadas pola UEFA. Sen embargo, advirte Ángel Barajas, “na liga española só teñen unhas pequenas normas ao respecto, sendo o ideal que usaran cos clubs o mesmo sistema que a UEFA”. Un cambio que, advirte, axudaría a evitar moitos dos actuais problemas financeiros que están a pasar numerosos equipos.