DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración oficial cunha conexión en directo coa conferencia en París do Nobel Ahmed Zewail

O Ano Internacional da Luz impregna o campus de Ourense

Unha web específica do comité galego irá recollendo todas as actividades que se realicen nos vindeir

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 19/01/2015
A luz xoga un papel fundamental na vida cotiá e no desenvolvemento da sociedade e das novas tecnoloxía, revolucionando campos como a medicina ou a fabricación de produtos. Para resaltar a súa importancia, a Asamblea Xeral das Nacións Unidas decidiu declarar 2015 como o Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías Baseadas na Luz (IYL2015), que se celebra a nivel mundial e que ten no campus de Ourense o epicentro do comité galego, coordinado polo catedrático de Óptica da Universidade de Vigo Humberto Michinel.

Unha iniciativa promovida por institucións educativas e organismos públicos e privados cun programa de eventos internacional “no que é un orgullo ver involucrado ao campus”, como salientou o vicerreitor, Virxilio Rodríguez. “É importante ver que os diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo que se dedican á fotónica e ao desenvolvemento de aplicacións de tecnoloxía láser se suman aos de Santiago de Compostela e Ferrol para formar unha masa crítica importante que fai que Galicia sexa un referente internacional nestas materias”, subliñou.

O campus de Ourense, como líder do comité galego, quixo participar na inauguración oficial do Ano Internacional da Luz cunha conexión en directo á cerimonia celebrada na sede da UNESCO en París e á conferencia inaugural ofrecida por Ahmed Zewail, galardoado co premio Nobel de Química en 1999 pola invención e investigación da chamada femtoquímica, que permite entender mellor as reaccións do metabolismo dos seres vivos.

Concursos abertos a toda a poboación

A nivel autonómico, o comité galego contará como “unha das súas principais ferramentas” unha páxina web na que se irán “publicando todas as actividades que se vaian levando a cabo baixo o paraugas común do Ano Internacional da Luz en Galicia”, recordou Michinel. Un espazo en continua construción na que se poderán atopar, ademais do calendario de eventos, información sobre esta conmemoración, noticias ou mesmo as entidades colaboradoras.

Entre as actividades máis salientables figuran tres concurso coa luz como conexión “abertos a toda a poboación, de xeito que nel poidan participar persoas de 0 a 120 anos sen ningún tipo de problema”. A participación nos concursos realizarase por categorías de idade (máis de 18 anos, rapaces e rapazas de 13 a 18 anos e menores de 13) e estarán centrados en tres grandes ámbitos: literario, gráfico e experimental.

O concurso Que é a luz para ti? pretende animar á sociedade a expresar en galego o que lle inspira a luz en dúas categorías, microrrelatos e poesía, “porque a luz é un obxecto estético que dende principio da historia da humanidade inspirou a moitos”. Con As mil e unha luces búscase poñer de manifesto a evidente relación entre luz e imaxe a través da súa manifestación gráfica en diferentes soportes mentres que con Coas mans na luz dáselle cabida a experimentos caseiros ou divulgativos, individuais ou en grupo, que deben ser recollidos en vídeo para despois ser valorados. As bases e prazos atópanse na propia web do Ano Internacional da Luz de Galicia.

Os temas para participar nestes concursos poden ser do máis variados, dende os relacionados coas propiedades físicas da luz, os fenómenos ópticos ou os instrumentos que fan a vida cotiá máis doada ata os dominios da arte ou da maxia. Os premios variarán en función da categoría de idade: 300 euros para os maiores de 18 anos, un telescopio astronómico newtoniano para os de entre 13 e 18 e un telescopio para os menores de 13 anos. Todos serán agasallados ademais cun diploma acreditativo.

A luz na vida cotiá

Imprescindible para o desenvolvemento da vida no planeta, para alimentar aos vexetais que dan comezo á cadea alimentaria, para que os ósos asimilen calcio... “a luz e as súas aplicacións constituíron un elemento de unión que transcenden todas as fronteiras xeográficas, culturais, de xénero ou de idade”, explicou o director da área de Planificación, José María Faílde, para quen, como psicólogo, “a luz ten un importante efecto sobre a saúde mental, incidindo claramente no noso comportamento e mesmo sendo utilizada para o tratamento dalgunhas patoloxías como o trastorno do sono”.

É precisamente pola súa importancia polo que o ser humano ten que “asegurar a súa sostibilidade e prestar atención a cuestións como a contaminación lumínica”, aclarou o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Salvador Bará, que recalcou a idea de que “a luz en horas nocturnas debe ser considerada en relación co medio ambiente como un axente contaminante e tratado como tal e en relación á saúde humana como un medicamento que debe ser dispensado baixo prescripción facultativa”.

Pola súa banda, durante a inauguración oficial do Ano Internacional da Luz en Ourense, a directora da área de Igualdade de Xénero da Universidade de A Coruña, Ana Jesús López, quixo pór de manifesto a relevancia das mulleres na ciencia, “que superan en número aos homes mentres estudan pero que a medida que a carreira científica avanza van quedando ocultas ou desaparecendo pola dificultade de compatibilizar coa vida persoal as esixencias dunha carreira deseñada nun mundo androcéntrico”. Por este motivo, unha das actividades da UDC dentro do Ano Internacional da Luz será a terceira edición de Mulleres nas Bibliotecas, coa que as bibliotecas das escolas e facultades da universidade coruñesa amosarán información de mulleres que destacaron en distintos ámbitos do coñecemento e estiveron vinculadas á luz.