DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciclo de conferencias

Antonio Bolívar afirma que na universidade, a docencia ten que ser igual de importante que a investigación

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 18/10/2007

Antonio Bolívar, catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Granada, asegurou hoxe que hai que valorar e discutir a docencia como actividade propia da Universidade durante a conferencia sobre “A avaliación na Universidade”, que se enmarca no curso “A docencia universitaria” que organiza a Vicerreitoría de formación e innovación educativa.No acto propuxéronse ideas para promover a excelencia universitaria no Espazo Europeo de Ensino Superior sobre a base de que “os profesores son investigadores da docencia”. Modelos, como o “scholarship of teaching”, que defende a posta en común de metodoloxías docentes dentro dun mesmo ámbito e a incorporación da investigación ás aulas, ou o “proxecto tuning”, que incide na subordinación do ensino ao mercado profesionalizando e a profesionalización da docencia, son algunhas iniciativas que pretenden revalorizar o traballo dos profesores.

Cambiar a avaliación é cambiar o ensino

Neste contexto incidiu Bolívar en que “a adaptación ao EEES constitúe un momento inmellorable para avaliar o traballo total do alumno”. Previsiblemente, o novo modelo determinará criterios de avaliación acordes cos obxectivos das materias e o proceso de aprendizaxe, e “contribuíndo a unha docencia na que se lle preste máis atención ás capacidades globais dos alumnos, non únicamente aos coñecementos que se adquiran en probas orais ou escritas”.