DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación foi presentada este xoves por Miguel Ángel Michinel e Rosendo Fernández

O Anuario da Facultade de Dereito cumpre unha década

Recolle 27 artigos de destacados docentes e expertos do eido xurídico

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 20/09/2012

Cada edición do Anuario da Facultade de Dereito do campus de Ourense é un motivo de satisfacción para o centro pois trátase da súa publicación de referencia. Este ano a satisfacción é dobre porque se cumpre unha década desde que en 2002 naceu grazas ao impulso da entón decana do centro María José Roca. O último número do anuario sae do prelo con achegas de numerosos docentes galegos e estatais e afondando en numerosas cuestións históricas ou de actualidade no eido xurídico.

Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, foron os encargados este xoves de presentar a nova edición do anuario. O decano ourensán quixo salientar a importancia de que a publicación chegue a cumprir dez anos e sobre todo o feito de que durante esta década conseguiu reunir as achegas dun destacado panel de docentes e expertos do eido xurídico tanto galegos como estatais. Pola súa banda, Rosendo Fernández destacou que apostar polo campus de Ourense e polo seu traballo docente e investigador, apoiando iniciativas coma este anuario, “é o mellor investimento que podemos facer como institución porque a preparación dos nosos universitarios é algo esencial para que se acheguen cada día mellor formados ao mercado laboral”.

Autores e artigos

O volume presentado contén destacados traballos científicos e de estudo realizados tanto por catedráticos e docentes da Universidade de Vigo e doutras facultades estatais coma de expertos xuristas. Luis Rodríguez Ennes, María José Bravo Bosch, Carlos Palao, Guillermo Suárez, Virxilio Rodríguez, José Manuel Sobrino, Xosé Antón Sarmiento ou María Pinto son algúns dos autores dos arredor de 27 artigos que compoñen o anuario.

Ao longo das case 500 páxinas que forman o anuarios abórdanse temas de actualidade no eido xurídico pero tamén cuestións históricas. Deste xeito, pódense ver artigos como as ideas xurídicas de Álvaro Cunqueiro, a constitución española de 1812 ou sobre a facenda pública no período 527-565. Da actualidade na área inclúense achegas sobre temas como a mediación para a solución de conflitos familiares, o novo sistema español de recursos en materia de contratos públicos ou a actual orden de protección son un estrito filtro. O dereito e as novas tecnoloxías ou a aplicación de proxeccións cinematográficas para a docencia do dereito penal son outras das cuestión afondadas.