DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derrota no campo do Getxo tras remontar e empatar o partido

Ao Universidade de Vigo Iveco sobroulle o tempo de desconto

O equipo de xadrez encaixou a primeira derrota da temporada

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 05/03/2012
20 a 17 perdeu o Universidade de Vigo Iveco o partido disputado no campo do Getxo, un encontro no que despois de ser quen de remontar e empatar o encontro o equipo vigués foi derrotado no tempo de desconto. Tras unha primeira parte na que o Universidade non foi quen de estrearse no marcador e que rematou cun parcial de 12 a 0, na segunda metade os vigueses estiveron a piques de dar a sorpresa.

Froito da presión exercida o Universidade acadou o empate a 12 que desafaría no minuto 11 Booiman colocando un 17 a 12 no marcador. A partir de aí e ata o final do encontro o equipo vigués acurralou ao rival nos seus 22 e produto desa presión chegaría o ensaio do Universidade por medio de Javier Parga no 36 que puña un empate que parecía definitivo. Sen embargo o Getxo non baixou os brazos e no tempo de desconto acadou un golpe centrado a paus que Linklater non dubidou en transformar, poñendo no marcador o 20 a 17 final. O Universidade que se trouxo para Vigo o bonus defensivo sumou a súa terceira derrota consecutiva por tres ou menos puntos. De aí a relevancia do partido do vindeiro domingo no campo do campus de Vigo onde o Universidade vaise xogar ante o Sanitas Alcobendas a permanencia.

Primeira derrota da temporada para o equipo de xadrez

O Universidade de Vigo de xadrez encaixou esta fin de semana en terras lucenses a primeira derrota da liga. 4 a 2 foi o resultado final do enfrontamento co Círculo das Artes que non xogou con ningún dos grandes mestres polacos que ten nas súas filas. A vitoria dos lucenses cimentouse nos tres últimos taboleiros nos que Del Barrio e Braña se impuxeron a Diego Guerra e Jorge Iglesias, mentres que Flórez gañaba a Pablo García cunha peza menos a cambio dun só peón.

Para García “foi un deses días que dis que é mellor non erguerse da cama. É certo que viaxes tan longas afectan aos xogadores, pero aínda así foi un deses encontros raros, no que tres partidas perfectamente controladas acabaron por converterse en tres derrotas inmerecidas”. Aínda así o Universidade segue a liderar a Liga Galega con 27 puntos, seguido polo Algalia con 26 e o Círculo Ferrolano con 25.
Na próxima xornada no campus de Vigo o Universidade enfrontarase ao CXF Porto Vilagarcía que se atopa inmerso na loita por eludir o descenso.