DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade distinguiu no acto de San Tomé aos 89 galardoados este ano

Aplausos e recoñecemento para os Premios Extraordinarios de Fin de Carreira e Doutoramento

Satisfacción entre os galardoados e orgullo entre os familiares e amigos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 31/01/2011
A Universidade de Vigo recoñeceu no acto de San Tomé ao seu principal valor: o estudantado e a comunidade investigadora. No acto, no que se investiu Doutor Honoris Causa ao profesor da Universidade de Georgia Jorge Martínez Vázquez, foron galardoados 41 Premios Extraordinarios de Fin de Carreira e 48 de Doutoramento. É o recoñecemento ao seu esforzo, constancia e dedicación. Un a un e nomeados pola Secretaria Xera da Universidade, Inma Valeije, subiron a recoller as súas insignias e medallas da man das autoridades académicas presentes no acto e ante a atenta ollada de familiares e amigos que os acompañaban nunha ocasión tan especial.

Homenaxe ao esforzo dos titulados e tituladas

“Estou moi contento e moi orgulloso de que se premie o noso esforzo e os anos que pasamos na Universidade”, salienta Jesús de la Fuente, licenciado en Belas Artes e un dos Premios Extraordinarios Fin de Carreira. Para este estudante os bos resultados académicos e este recoñecemento supoñen ademais “un aliciente para seguir traballando na Universidade, pois sigo vinculado a ela realizando o doutoramento”.

A mesma satisfacción compártea Noemí González, licenciada da Facultade de Dereito de Ourense. “Penso que é moi importante que se premie explicitamente o esforzo dos que estudamos”, destaca. De todos os xeitos quere restarlle relevancia á excelencia da súa traxectoria académica explicando que “ter un bo expediente require moitas horas de dedicación pero non é para tanto. Agora preparo as oposicións e iso si que é estudar de verdade”.

Entre as historias dos galardoados están as dos que volven á Universidade compatibilizando estudo e traballo. É o caso de Antonio Sartal, enxeñeiro técnico industrial que acadou o Premio Extraordinario de Fin de Carreira tras regresar á vida académica para realizar Enxeñaría en Organización Industrial. Sartal explica que os estudantes coma el valoran especialmente este acto “porque nos fai sentir parte desta institución, xa que os que volvemos por segunda vez ás aulas estamos ás veces un pouco desconectados da vida universitaria”.

Doutoramentos extraordinarios

“É moi gratificante que nos teñan en conta, que nun acto coma este, tan institucional, se nos agradeza todo o traballo, o esforzo, que facemos”, asegura Miriam Pateiro, quen fixo a súa tese no Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e agora quere seguir investigando e facerse un oco no mundo académico.

Fernando Suárez Cabeza, outro dos premiados, afirma que con este recoñecemento “foméntase o espírito corporativo. Serve para xerar ese lazo especial, ese nexo que nos fai sentir un máis da entidade”. Suárez, que desenvolveu a súa tese no Departamento de Debuxo da man da doutora Dolores Dopico, recoñece o seu orgullo “vendo aos alumnos, o ilusionados que están ao recibir o premio. É un bo xeito de implicalos, de que non vivan a Universidade só como un servizo”.

Pola súa parte, Mercedes Solla lémbrase dos “tres anos, máis ou menos” que viviu inmersa no seu doutoramento europeo. “Estiven fóra, agora levo un curso aquí, centrada na docencia, pero quero seguir formándome no estranxeiro para logo volver”, explica Solla, que traballa no Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente. Ademais a galardoada salienta o feito de que lles entregasen a medalla da Universidade no mesmo acto que se nomeaba ao Doutor Honoris Causa. “Supón unha referencia de cara ao noso futuro”, recoñece.