DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Declaracións do Reitor da Universidade de Vigo

“Apostamos por rexuvenecer o cadro estable de doutores a través da súa incorporación en programas de calidade”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 11/10/2007
Mªdel Carmen Echevarría | Vigo
O curso 2007/2008 comezou hai unhas semanas, e cando xa se cumpriu máis dun ano no seu nomeamento como Reitor, cales son as súas expectativas e principais retos cara este novo ano académico que ven de iniciarse na Universidade de Vigo?

Este primeiro de ano á fronte da universidade foi un período de asentamento e, en certa medida de adestramento. Foi un ano de asentamento para o novo equipo, sen ter aínda resolto o tema da xerencia, xa que seguimos buscando nova xerencia no exterior, entre o reducido grupo de persoas cualificadas para a xerencia dunha institución pública que ten 2.400 traballadores, non é nada fácil isto. Pero, salvo este asunto que espero resolver no próximo trimestre, digamos que o resto da estrutura do equipo e da estrutura das liñas preferentes de direccións de área, está definido.
Pola súa banda os programas principais tamén están asentados e definidos. Estivemos adestrando entre todos no tema da adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, seguimos cos cursos piloto, etc... Ese adestramento se ten que concretar agora na elaboración dos novos plans de estudos que comezamos este curso. Estivemos adestrando, tamén, nos másters. Un traballo moi interesante que nos permite ir aquilatando o perfil polo que apostamos na Universidade de Vigo e que vai ter a súa expresión e a súa explosión, este curso onde a universidade, non sei que imos facer aínda, pero temos diante, creo que son 20 propostas de máster que son absolutamente excesivas. O nivel de matrícula, ademais, nos másters, sobre todo os que teñen caracter profesionalizante é moi bo, moi satisfactorio.O adestramento, tamén, neste campo se está empezando a concretar en resultados interesantes e a nosa aposta vai ser clarísima: másters profesionalizantes en estreita conexión coa empresa privada, especializada e interesada do sector correspondente. Se é así, o resultado en formación, en práctica profesional e emprego, vai ser bo.

Imos analizar, se lle parece, a situación na que se atopan neste inicio de curso os protagonistas da vida académica: alumnos, profesores, investigadores, titulacións... En primeiro lugar, como se traduce, no caso da Universidade de Vigo, esa tendencia cara a unha progresiva redución no descenso do número de alumnos matriculados nas universidades españolas?.
O que se observa é que a redución é menor, de xeito progresivo. Pero os datos mandan e totalmente previstos pola propia evolución da pirámide de poboación.
Este ano, e falo de datos de setembro de 2007, as aulas de ESO e Bacharelato abren con 42.000 alumnos menos que hai oitos anos. Eses son os que nos chegan a nós!. Se nos referimos a este ano en concreto na ESO hai 2.500 alumnos menos, cunha redución anual dun 4%.
No caso da Universidade de Vigo os datos de matrícula confirman unha redución en prazas novas. É unha redución suave, prevista e recuperando a ton, por que eu creo que as reducións máis importantes, polos datos que ESO que acabo de dar, xa se produciron antes. Polo tanto estamos nunha fase de recuperar pouco a pouco, probablemente a partir de catro ou cinco anos, o que nos sitúa na data de 2010 ou 2011, o nivel de matrícula. De todas maneiras hai algún dato que empeza a indicar o cambio de tendencia. Este ano mesmo, por primeira vez desde o ano 2000, medran as matrículas en Primaria, nun 2%. Non é moito pero si indica un cambio de tendencia que logo se proxectará cara ao sistema de educación superior.

Con máis de 50 titulacións, ¿considera que a oferta da Universidade de Vigo está ben dimensionada, é excesiva, escasa...?
Os datos cuantitativos son pouco importantes. Eu sempre digo que se quedamos cunha universidade de arredor de 20.000 estudantes é un tamaño óptimo e se estamos arredor de cincuenta titulacións non estamos mal. A oferta é bastante boa.
Pero insisto en que non é un problema cuantitativo e o que nos fai falla é refacer a oferta de titulacións por que se tes unha oferta de cincuenta titulacións, de fai vinte anos, e non a tes actualizada, de qué vale se non son atractivas, se non xeran emprego, etc. Por iso o que máis me interesa neste momento é actualizar, modernizar a oferta de titulacións e por iso é que lle damos tanta importancia ao máster que era un produto que non existía. Cantas veces me teñen dito a min, pero cando haberá aquí enxeñeiros especializados na construción que as empresas do sector no atopan profesionais neste campo?. Iso non require unha nova titulación en enxeñaría, pero si un máster en exeñaría da construción, que por certo sae este ano. Polo tanto esa modernización é o máis interesante, moito máis importante que o número de titulacións que teñamos.

Nese proceso de modernización hai que lembrar que a Universidade de Vigo xa hai uns anos apostou por unha serie de títulos propios. Transcorrido o tempo, que valoración fai desta aposta?.
A día de hoxe xa non ten moito sentido imaxinar que fas un esforzo nesa dirección por que a nova regulación dos graos o permite. Polo tanto ti podes facer a proposta dun título de grao que non sexa tradicional, non ten por que ser un grao en física, química, ou economía. Podes facer calquera outra proposta de título de grao e se incorporas condicións de calidade tes capacidade de que sexa aprobado, tes autonomía plena para facelo. Polo tanto no novo escenario de títulos xa non hai que andar con esas iniciativas tan voluntaristas, podes facelo e podes facelo normalmente.
De todas maneiras o que vai a marcar o perfil da nosa universidade son as titulacións exclusivas, esa é a aposta clarisimamente en docencia e os másters, por que haberá másters que efectivamente só seremos quen de facer nós e é onde hai que botar o resto. E en conexión con elo aqueles produtos sexan formativos, sexan de investigación que podamos poñer en conexión coas iniciativas privadas e as institucións, é dicir todas as iniciativa mixtas. Por que se ti tes un centro de investigación que funcione ben, seguro que aí vai haber un proceso formativo novo, seguro que vai saír un máster novo e probablemente unha iniciativa de investigación diferenciada. Por exemplo, sae este ano un máster en automoción, claro!, tamén temos o CTAG, onde estamos todos mesturados: iniciativa privada, administración. É o lóxico, non?. E creo que eses son polos atractivos, moi interesantes e onde ten que facer a aposta a Universidade de Vigo.

Falamos de alumnos, de titulacións, en canto ao persoal docente, como arranca este curso 2007/2008 para a Universidade de Vigo?.
A universidade é unha administración pública, forma parte da administración pública, e polo tanto o modelo co que traballa desde sempre é o modelo de funcionario. Incorpórase o modelo de contrato laboral este ano e nos estamos apostando forte por el, contrato laboral con máis flexibilidade, pero coas mesmas condicións de cualificación e calidade. Non entra ninguén que non estea avaliado positivamente polas axencias de calidade. Este é o esquema no que nos temos que mover, sen embargo á Universidade de Vigo interésalle moitísimo, por que creemos que é a sabia que permite rexenerar as institucións públicas, rexuvenecer o corpo estable de doutores e por iso a aposta pola incorporación de doutores en programas de calidade, promovidos polo Ministerio e pola Xunta como o programa Ramón y Cajal ou o Parga Pondal. E tamén nos interesa os mellores de todos eles, asentalos na universidade. Por iso ademais de recibir a todos aqueles doutores que cumpren esas condicións e se nos poñen a tiro, a universidade mantén e vai a reforzar con máis prazas o programa propio de incorporación de doutores. É un programa ao que queremos que se presenten todos aqueles doutores novos que incorporamos de institucións estranxeiras ou nacionais de investigación, para que se queden os mellores. Isto ten unha dotación inicial de dez prazas por ano, aínda que queremos que pase a quince. Pensemos que pasado ese tempo teremos 120 ou 150 doutores novos en disposición de dar o salto con trinta e tantos anos e en plenitude de facultades, temos aí unha fortaleza enorme.

O sistema universitario español está vivindo un proceso de cambio moi profundo cara á adaptación do Espazo Europeo de Educación Superior e a Universidade de Vigo está traballando neste camiño hai tempo, cara un prazo curto de tempo, cales son os principais retos que debe afrontar esta universidade?.
Nós durante estes tres últimos anos estivemos adestrando en programas parciais, en programas piloto, claro que con dificultades e equivocacións e nalgún caso con desafeccións. Pero non estamos insatisfeitos deses programas destes últimos anos.
Hai que botar o resto agora e se bota, primeiro con apoio aos centros e de tres maneiras, un apoio formativo con cursos de actualización, contando experiencias, etc; tamén está o apoio en termos de calidade coa oficina de calidade, por que os requisitos dos novos planos de estudos son moi esixentes, e logo imos incentivar aos propios equipos con desgravacións docentes para que poidan incorporar, con premio, a xente ao seu equipo, dedicada exclusivamente a isto.
A partir hai que ir adaptando a nosa propia experiencia ao calendario que nos leva a 2010. O que temos na cabeza é, para este curso saír con tres ou catro titulacións, buscando a conveniencia da Universidade de Vigo, a implicación dos equipos correspondentes, e sabendo que as titulacións van ter avantaxes e inconvenientes que teñen que ver con ser coello de indias que vai rozando dificultades que para outros estarán resoltas. As avantaxes serán que, efectivamente, te sitúas no mercado do ensino superior cun brillo distinto e antes. Imos ver que sexan tamén titulacións de interese para a Universidade de Vigo e que propulsen a imaxe de todos nós.
No curso 2008/2009 vaise producir a auténtica avalancha de reformas. Xa temos experiencia das tres ou catro primeiras, a oficina de calidade está moito más preparada, haberá un representante de calidade en cada campus e apoios puntuais a cada plan de estudos que estea en traballo de adaptación, e aí vaise producir o groso das reformas. Aquelas que teñan máis dificultade,polo que sexa, quedarán para o final, aínda que serán as menos. Eu estou convencido de que no curso 2009/2010 quedará o resto que serán aquelas que teñan máis dificultades na propia configuración do mapa de titulacións autonómico, ou na adaptación con títulos semellantes dentro da propia universidade ou dentro doutros campos do sistema universitario.

Outro reto importante para a Universidade de Vigo, aínda que o punto de partida é bo, é seguir mellorando a súa actividade dentro do ámbito científico. O Observatorio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, FECYT, situaba á de Vigo no posto 15 do ranking das universidades españolas, pero supoño que máis que o desexo, a obriga da institución que vostede dirixe é seguir avanzando nese camiño.
O camiño son leguas. Non esquezamos que a nova LOU incorpora por primeira vez, dentro das misións das universidades o mandato, case de rango constitucional, da transferencia de coñecementos. Non é so que teñamos vocacións deso, se non que é a nosa obriga coa mesma categoría que teñen as outras.
As iniciativas que hai aí son enormes. En primeiro lugar temos que finalizar e inaugurar neste trimestre o CITI de Ourense, o Centro de Investigación e Transferencia de Ourense, moi centrado nas investigacións agroalimentarias. Segundo, participamos con Coren nunha planta do Centro Tecnolóxico da Carne de Ourense, planta que hai que executar en 2008 e na que entramos con Coren en temas de seguridade e calidade alimentaria. Tamén 2008 ten que ser o ano de CITEXVI e dos módulos de investigación que estamos construíndo, do módulo tecnolóxico-industrial, os laboratorios de enxeñaría industrial dos que o edificio está avanzado e debe finalizarse o próximo ano. Hai que lembrar que ademais estará vinculado ao Centro de Eficiencia Enerxética para o que estamos preparando un plan de viabilidade coas empresas do sector e a Xunta de Galicia. Trátase doutro centro mixto importantísimo no que entra unha agrupación de empresas innovadoras do sector, de xeito que temos a veciñanza que queriamos. Nós construímos o módulo tecnolóxico-industrial, aí van ir os laboratorios enerxéticos e ese vai ser referencia para ese centro de eficiencia enerxética que queremos se inaugure en 2008.
Ten que ser o ano forte tamén para o GRADIANT , que está esperando por CITEXVI, e o do proxecto executivo do Centro de Investigación Biosanitaria, que por certo ven de recibir, en convocatoria nacional, 3 millóns e medio de euros para a súa construción en parcería co SERGAS, que poñerá tamén 2,5. Será tamén un centro mixto o que permitirá que os investigadores sexan investigadores asociados aquí e nos hospitais, o que está directamente pensado para o novo hospital de Vigo que ten 1.400 camas e grupos de investigación.
A nivel de equipo queremos someter a debate no Claustro un documento específico de I+D+i que resumirá a posición da Universidade de Vigo respecto do mundo da I+D mixta, poñerá en orde todos os nosos instrumentos e nos proxectará cara ao futuro e ao exterior. Señores: aquí teñen vostedes esta institución con esta disposición, con estes mecanismos e con estas liñas estratéxicas.

Para o desenvolvemento destas e outras iniciativas resulta fundamental o respaldo das administracións e tamén do sector privado. As institucións piden, case esixen, das universidades que vaian por diante e teñan un papel protagonista no que a investigación se refire, pero logo veñen esas demandas co necesario respaldo económico?. Así mesmo, sería de agradecer unha maior aposta por parte da empresa privada en iniciativas que logo poden reverter tamén na actividade empresarial?.
Hai varias cousas. Primeiro:non asumiremos ningunha iniciativa de I+D que non sexa mixta, non nos interesa se non son mixtas e compartidas. Non nolo din desde afora o dicimos nós. Agora están recollendo esta posición e o están incorporando como condición nas convocatorias nacionais, pero nos da igual por que aínda que non estivera como condición ,non nos interesa.
Segundo: non lle pedimos ás empresas, neste tema da investigación,cartos por que xa os temos. Claro que si se incorporan con nós en facer I+D, nos centros mixtos, claro que van gastar diñeiro despois, pero no seu interese. Entran a un centro xa construído, ben dotado, cun equipamento científico de primeiro nivel e cos grupos de investigación da universidade. Non queremos un duro. A partir de aí o que lle dicimos é: “vostede que quere?, cales son os seus obxectivos de I+D?, e para eses obxectivos, si, poña diñeiro, claro está. A continuación pense se o quere facer só ou se o quere facer cos grupos de investigación da universidade. Eu creo que o mellor é o segundo, pero o mellor de primeiras non pode ser. A partir de aí o lóxico será que concorramos xuntos a convocatorias de financiamento externo, incluso o resultado final para unha empresa podería ser saldo positivo, se concorres externamente e tes éxito. Non esquezamos que CITEXVI., por exemplo, implicou un éxito por enriba dos catro millóns nas convocatorias de parques. Podemos preguntarlle ao socios privados se están satisfeitos co que ocorreu en CITEXVI que nun principio podería pensarse que sería unha sangría para os socios participantes, e non o é. Nós estamos facendo un chamado a colaborar e ademais poñeremos as instalacións, mentres teñamos éxito. Logo si ,anímate que vai no teu favor!.

Este curso recen estreado, como apuntaba, vai ser importante para o desenvolvementos das infraestruturas nos tres campus. Por exemplo en Vigo o proxecto de vías elevadas de Mendes da Rocha, a biblioteca de ciencias aos que suman outras actuacións previstas en Pontevedra e Ourense, amosan a realidade dunha universidade nova que segue crecendo.
É certo. En Pontevedra temos que completar o edificio, fermosísimo, que estamos construíndo e que se expuxo no MOMA, de Ciencias da Educación Física e do Deporte. Un proxecto de Irisarri e Piñera ao que agora lle toca crear o edificio de laboratorios e os vestiarios.
Algunha dúbida máis ten, aínda que debería ser 2008, o do pistoletazo do edificio das Artes. Estamos esperando pola resolución de temas urbanísticos por que non podemos concursar sen ter unha parcela propia. Como imos concursar cunha parcela no aire?. Logo necesitamos que se resolva ese tema urbanístico de Tafisa e que o plan do concello teña todas as bendicións incluídas as autoridades autonómicas, e nese intre entramos.Polo tanto 2008 debería ser o ano que nos permita pechar o proxecto executivo y presentalo xa definitivamente.
Despois, está bastante avanzado tamén o tema da gardería no campus en Pontevedra, e sería en dirección cara ao río e nos propios terreos do campus. Aí tamén dependemos moito do concello.
Pola súa banda en Ourense temos as pistas de atletismo. 2008 vai ser o ano das pistas de atletismo e da piscina, por que o CITI temos que inauguralo antes, se non é algo pasa.
Mentres en Vigo temos que inaugurar en 2008 a biblioteca de ciencias que vai bastante avanzada e ten que ser o ano, dunha vez, das vías elevadas. Espero que se resolva o concurso este ano e polo menos apareza a primeira grúa, para crer nela.

O curso iniciouse en Ourense cunha novidade importante como é a existencia dunha vicexerente, nomeada no verán. Algo que forma parte do plan de impulso da autonomía dos campus, algo imparable e que de feito xa aparecía recollido no programa electoral co se presentou para ser elixido Reitor.
Dentro desa fase de consolidación deberamos resolver todo o que está pendente neste trimestre. Polo tanto, boa noticia a vicexerencia do campus de Ourense, pero debe resolverse nese trimestre a vicexerencia do campus de Pontevedra e tamén me gustaría que antes de que remate o ano, estivera nos seus postos de traballo a nova xerencia co equipo completo. Estamos pensado, probablemente, nunha xerencia e tres vicexerencias máis, de forma que todo o novo equipo directivo xerencial estivera nos seus postos neste trimestre.
Por que tamén é importante que o proceso de descentralización, que é unha aposta absolutamente decidida, por convicción ,en primeiro lugar, correrá máis, terá máis éxito se os procesos administrativos que se descentralizan son absolutamente compartidos polos dous campus e pola xerencia. Mellor van os procesos autonómicos neste país se hai coincidencia entre o estado central e as comunidades autónomas. Polo tanto non sería nada malo que todo isto fose xa un obxectivo preferente para unha nova xerencia. Creo que nese sentido descentralización está moi vinculado ao que ocorra neste trimestre.

Falando doutra das súas promesas electorais, haberá novidades este curso en relación co Plan Estratéxico da Universidade de Vigo?.
Si, si. É probable incluso que o puideramos presentar a finais de ano, como estaba previsto. O temos bastante avanzado, polo que puiden falar co comisionado, e poderiamos presentalo perfectamente a finais de este ano ou principios do seguinte.
É moi interesante por que moitas veces se pensa que o Plan Estratéxico é un documento de desexos, lanzado ao espazo insondable do que nunca regresará, pero si o pensamos ben e xusto ao contrario. Un documento absolutamente realista no sentido de que abre os camiños polos que debe transitar a universidade, e cando te fixas obxectivos dentro dun plan estratéxico o primeiro é ter claro as liñas estratéxicas , e despois o plan ten interese por que te obriga a sinalar obxectivos, escenarios, niveis.. Onde queremos estar en produción científica dentro de cinco anos?. Estamos no posto quince, pois queremos estar no doce ou no dez. Asumimos o reto e ademais por escrito, parece que non pero arrastra a toda a universidade nunha dirección. Se dicimos que o plan estratéxico nos obriga, móvenos cara a esa dirección, cara eses obxectivos, sen dúbida e non hai outro instrumento que o faga tan ben.

Remato. Os próximos meses tamén poden ser importantes cara á posibilidade de que finalmente Vigo acolla unha Universiada. Vostede que tivo ocasión de estar presente na que este ano se celebrou en Bangkok,supoño que alí realmente é onde se percibe a dimensión que esta celebración ten que caso de celebrarse na cidade tería unha importante repercusión na universidade.
Hai un certo descoñecemento deste evento e unha certa incredulidade. Primeiro, non sabemos o que é a Universiada. Segundo, non nolo cremos e terceiro: ui, ui, ui !, se no lo dan!.
Falamos dun evento deportivo de nivel internacional, non moi lonxe das Olimpiadas, de feito son unhas Olimpiadas, en pequeno polo número, aínda que estamos falando de entre 10 e 12.000 persoas nas delegacións. Eu estiven no acto de inauguración que durou tres horas nun estadio no que había 50.000 persoas, polo tanto son unhas Olimpiadas en pequeno, pero non moi pequeno. Teñen unha incidencia económica enorme, teñen unha incidencia de imaxe internacional como non podemos imaxinar, agora, e polo tanto para unha cidade, para unha comunidade, para un país, teñen unha repercusión e un interese enorme.
Temos incredulidade. Bangkok ten 8 millóns de habitantes, e pensamos, que pinta Vigo e incluso a Área Metropolitana, neste xogo?. Ben, eu creo que como sempre o tamaño importa, pero menos, por que as grandes urbes teñen importantes avantaxes, pero tamén moitos inconvenientes, que unha urbe pequena resolve con máis facilidade. En Bangkok non había desprazamento que durase menos dunha hora, imposible. Se ti te atopas na vila universitaria, no campus universitario de Vigo, vas a piscina olímpica de Pontevedra en 20 minutos e baixas ao estadio de Balaídos, que tería que ser remodelado para ser olímpico, e chegarías nun cuarto de hora.
Unha cidade como Vigo podería proporcionar un marco urbano e natural cheo de comodidades, para un evento deportivo como este. Isto o saben os directivos responsables destes eventos internacionais, por que coñecen perfectamente que lles aporta cada cidade.
Outra avantaxe adicional, aínda que se podería considerar un inconveniente, e que unha cidade grande xa ten todas as dotacións, situadas en lugares dispares, cada unha do seu pai e a súa nai e non vai construír nada. Unha cidade como Vigo non ten todas as dotacións, ten algunhas, pero precisamente por iso arrastraría dotacións deportivas. Eu estou convencido de que se a Universiada se celebra en Vigo, non ten freo a Cidade do Deporte.
En definitiva, se no lo dan, conseguiríamos aspectos importantísimos que agora nin soñamos. Para empezar conseguiríamos o apoio unánime do Estado e da CC.AA por que ten moita repercusión para o país tamén, e lograríamos o apoio do Ministerio de Facenda como evento de especial interese o que implica beneficios fiscais importantísimos ao nivel da Expo ou as Olimpiadas de 1992 en Barcelona. Iso significa ter un elenco de patrocinadores que nos podemos imaxinar na cidade. É dicir que desde o punto de vista económico non é un problema.

Vostede é optimista sobre a posibilidade de que Vigo logre convertese en sede da Universiada?. Supoño que tamén é importante que se lograra o respaldo de institucións, partidos políticos e organizacións sociais integrados na Plataforma Cidadá Pro Universiada que se presentaba recentemente.
Son totalmente optimista e xa contaba con eses respaldos. Non dubidada deso como tampouco do respaldo da comunidade autónoma, nin do Consejo Superior de Deportes e o Goberno de España.
Eu estou convencido que imos gañar na competencia nacional, logo xa a nivel internacional xogan moitos outros factores, non quero nin mencionalos pero se poden supoñer, e aí os apoios que temos que recibir deben ser do máximo nivel nacional e internacional. Esa unha batalla distinta e máis complexa, pero un ten que ser un optimista realista e razoable, pero agora estamos na fase nacional e temos que botar o resto.