DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido polo Servizo de Deportes

As apostas deportivas teñen premio no concurso Playmaker

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez. DUVI 13/04/2012
Adiviñar de antemán os resultados dos encontros deportivos que se disputan cada fin de semana, agora ten premio grazas ao xogo Playmaker. Tan só hai que cumprir dous requisitos: ser seguidor da páxina de Facebook do Servizo de Deportes, promotor da actividade, e facer un comentario cos resultados esperados nos encontros propostos cada semana, que inclúen dende fútbol e baloncesto ata as carreiras de Fórmula 1 e Moto GP. Desta forma sinxela e rápida, os participantes poden converterse en gañadores de premios semanais á vez que acumulan puntos para un gran premio final.

Á espera da sorte

Tras o éxito obtido no concurso Quiniela semanal na que se sorteaba material deportivo, o Servizo de Deportes, en colaboración con Cocacola, continuou esta aposta lúdica organizando a primeira edición de Playmaker. O concurso ten unha duración total de catro semanas nas que os participantes apostarán por cinco eventos deportivos nos que a continuidade ten un valor especial xa que é a única forma para acumular os puntos suficientes para gañar o gran premio final: un reloxo Lotus.

Para participar tan só hai que unirse ao perfil da páxina de Facebook do Servizo de Deportes e facer un comentario co resultado esperado para os encontros de cada semana (2 X 1 para fútbol e baloncesto e o podium para Formula 1 e Moto GP), sempre dentro do tempo estipulado. Os gañadores de cada semana serán aqueles que mais acertos acaden, recibindo produtos da marca patrocinadora. Cada acerto tradúcese nun punto, o que pon aos concursantes máis preto do premio final.

Unha ferramenta para dar a coñecer o Servizo de Deportes

Como indica Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes, “con este concurso e coa entrega de premios o que buscamos é estar en contacto cos usuarios de Facebook máis aló da práctica deportiva”. Nestes momentos hai entre 50 e 60 participantes, “aínda que esperamos poder chegar aos 150 ou 200, o que se traduciría nun éxito rotundo”, indica Rial.

Ademais deste xogo, a rede social permite aos usuarios coñecer máis a fondo as actividades que organiza o Servizo de Deportes, polo que “conseguir amigos é un aspecto fundamental e grazas a este concurso puidemos acadar arredor de mil seguidores”, conclúe Rial.