DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda edición de Portugués Perto celébrase do 7 ao 10 de maio no campus de Ourense

Aquelas nosas músicas… que nos achegan á lusofonía

Entre os artistas convidados están Carlos Blanco e Fran Pérez Narf

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 04/05/2012

O curso pasado naceu no campus de Ourense Portugués Perto como unha iniciativa que quería achegar a lingua e a cultura lusófonas á comunidade universitaria e á cidade de Ourense a través da música de diferentes artistas. Grazas ao éxito daquela primeira cita, a proposta ten agora continuidade cunha segunda edición que se celebrará do 7 ao 10 de maio baixo o título Aquelas nosas músicas. Durante unha semana, a palabra e os sons serán os instrumentos que diferentes artistas empregarán para aproximar as culturas e as xentes de Galicia, Portugal, Brasil e Angola.

Filemón Rivas, responsable de actividades culturais do campus de Ourense, salienta que “este ano a novidade é que ademais de concertos moi interesantes de músicos galegos e lusófonos a programación inclúe a celebración de dous obradoiros, que permiten un traballo máis directo e específico sobre determinados temas de interese cultural”. Na elaboración desta programación colaborou coa Vicerreitoría do campus de Ourense a Associaçom Galega da Língua e Próacademia da Língua Portuguesa.

Monólogos, concertos e obradoiros

O actor e humorista galego Carlos Blanco será o encargado de inaugurar o luns, día 7 de maio, as actividades ofrecendo un monólogo no que, a través do humor e a ironía, afondará en cuestión da cultura galega e de países lusófonos. Tras este inicio, o martes comezarán os talleres cun obradoiro sobre percusión galega e percusión brasileira a cargo dos músicos Sérgio Tannus, de Brasil, e Sandra Diéguez, de Galicia. Ese mesmo día, ás 20.30 h, celebrarase no campus un concerto de Narf. O músico galego Fran Pérez presentará o seu último proxecto, Cancións da lingua viaxeira. Nel, cun formato intimista, cantará en galego, portugués, en linguas de orixe Bantú e en inglés escrito nalgún caso por galegos para render homenaxe ao encontro e á "lingua viaxeira".

Portugués Perto continuará o mércores cun obradoiro titulado Cacimbo e impartido pola artista Aline Frazao, de Angola. Nel, Frazao fará cos asistentes un achegamento audiovisual aos países da África lusófona a través da lingua, para amosar como a conversa entre os pobos da comunidade lusófona é posible. Ese mesmo día a actividade continuará no campus ás 20.30 cun concerto titulado Cantam Zaca Afonso, do recentemente creado grupo ourensán Terra Morena. Por último, o xoves, a segunda edición de Portugués Perto chegará ao seu fin co concerto Caminho Velho do grupo portugués Os Andarilhos.

Todas as actividades, tanto os concertos coma os obradoiros, son de balde e abertas ao público interesado ata completar aforo.