DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O arcebispo de Santiago relaciona a conformación de Europa co sentido relixioso da peregrinación xacobea

Julián Barrio interveu nun novo relatorio da Cátedra Álmirante Álvarez-Ossorio centrado na celebraci

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E. L. Castro DUVI 26/02/2010

“O cristianismo e a civilización son as verdadeiras achegas do Camiño de Santiago”, concluíu onte Julián Barrio, arcebispo de Santiago, nun novo relatorio sobre o Ano Santo ao abeiro da Catedra Almirante Álverez Ossorio. Co título A influencia de Santiago na vida, na cultura e na fe, o arcebispo sinalou que en boa medida a conformación da Europa actual é resultado dese labor de cristianización e de construción dunha civilización ao redor do auxe que viviron as rutas de peregrinación xacobea, que lembrou que en moitas ocasións superaron en importancia as outras dúas vías principais, as de Roma e Xerusalén. Na súa opinión, “a unidade de Europa será duradeira e proveitosa se se asenta nos valores cristiáns dos que xurdiu e que a conformaron”. “É a Europa do espírito da que falaba Juan Pablo II e da que fala o actual papa, Benedicto XVI, na que países de diferentes culturas e costumes están unidos por unha mesma fe”, explicou, polo que considera que a ruta xacobea é un punto de partida da nova evanxelización.

Dualismo integrador relixioso e profano

Jualián Barrio quixo remarcar tamén que “o Camiño ten un claro dualismo integrador relixioso e profano, no que teñen cabida todos” e que “as motivacións relixiosas non quita que haxa outras motivacións”. O público asistente, na súa maioría composto por alumnado da Escola Naval Militar, interesouse pola repercusións que pode ter a popularización do Camiño e fixo varias preguntas ao respecto. O arcebispo contestou que “é preciso estar atentos para que o Camiño non se converta nunha realidade inerte que non interesará a ninguén”. “Para evitar isto temos que acompañar ao peregrino e saír ao seu encontro, pois non somos turistas da fe, senón peregrinos da fe”.
O director da cátedra, José Gabriel Martínez Ratero, encargouse de presentar ao arcebispo, que estivo acompañado tamén na mesa presidencial por Santiago Bolibar Piñeiro, almirante xefe do Arsenal de Ferrol; Marcial Gamboa Pérez-Pardo, comandante-director da Escola Naval Militar de Marín; e Antonio García Pino, vicerreitor de Organización Académica e Profesorado da Universidade de Vigo.

Viaxe, perigo, relixión, coñecemento e cultura

O arcebispo de Santiago falou do que supoñía viaxar nos tempos remotos aludindo á etimoloxía da palabra peregrino. “A raíz latina per significa 'a través de' e está relacionada tamén co termo peritus, que significa experiencia, coñecemento e sabedoría”, indicou. Aludiu tamén a un termo anterior indoeuropeo que significaba “camiñar polo mundo cando non había camiños”. Deste xeito relacionou a peregrinación co perigo da viaxe, a aventura e a adquisición de experiencia e coñecementos. Por unha parte dixo que “os peregrinos estaban expostos ao perigo, pero non a calquera perigo, senón ao da morte”, para vincular a viaxe do Camiño coa “última viaxe”, a da morte, e a partir de aí coa súa “vocación relixiosa”. Por outra parte, tratou o Camiño como un medio para que o peregrino adquirise experiencia e coñecemento, resaltando a súa importancia comercial e de transmisión cultural ao longo dos séculos. “Emprender o Camiño foi sempre unha viaxe de devoción, pero a relixiosa non quita outras motivacións como a aventura, o comercio, a política ou as actividades sociais ou militares”. Engadiu que “o peregrino é curioso e capaz de asimilar todo, polo que con eles viaxaron as ideas, o coñecemento e a cultura”. Destacou neste sentido a importancia das canción de xesta e da literatura de viaxe que proliferou en torno á ruta xacobea.
Preguntado por unha persoa do público sobre a repercusión da eliminación deses perigos na concepción actual da peregrinación, o arcebispo salientou que hoxe o perigo é máis espiritual que material. “O principal perigo que sofre hoxe o peregrino é atoparse as igrexas pechadas, mentres que en todo momento lle indican onde están as discotecas”, dixo ao respecto. Neste sentido, Julián Barrio quixo facer unha distinción entre o que el chama turistas da fe e os peregrinos da fe. “Aos primeiros danlles todo programado, mentres que os segundos descobren cada día horizontes novos e ese é o verdadeiro sentido do Camiño”, sinalou.