DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entre o 6 e o 24 de febreiro a través da plataforma Bubela

A Área de Normalización Lingüística abre o prazo de matrícula para os cursos do segundo cuadrimestre

Aumentas as clases presenciais e actualízanse os contidos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 07/02/2012

Co comezo das clases volven tamén á Área de Normalización Lingüística os curso de galego para o segundo cuadrimestre. Como xa sucedera na primeira parte do curso e respondendo ás demandas da comunidade universitaria, diminúense as horas, aumentan as clases presenciais e actualízanse os contidos.

En total ofértanse sete modalidades de contidos, dende técnicas de expresión escrita e oral, ata redacción de documentos administrativos, harmonización de textos, normalización e unificación pasando polo curso de extensión cultural, outro de manexo e redacción eficaz de correo electrónico. Todos estes son cursos presenciais, como demanda a comunidade universitaria, mentres que en modalidade virtual ofértase un curso sobre cambios normativos, co obxectivo de axudar a actualizar os coñecementos gramaticais, que contará cunha proba presencial final no campus de Vigo.

Despois de que no pasado cuadrimestre os cursos presenciais se impartisen no campus de Vigo, desta volta trasládanse a Ourense e Pontevedra, agás o curso de manexo e redacción eficaz de correo electrónico, que só se impartirá en Vigo e o de extensión cultural que se oferta nos tres campus. Todos eles, comezarán a docencia na primeira semana de marzo e a matrícula pode cursarse a través da plataforma Bubela. Os cursos deberán contar cun mínimo de 15 alumnos preinscritos para realizarse e o número máximo de prazas é de 35. A matrícula é gratuíta para a comunidade universitaria, mentres que para o público en xeral o prezo é de 40 € por curso, agás o de extensión cultural (60 €),cambios normativos (30 €) e manexo e redacción eficaz do correo electrónico (30 €).

A duración dos cursos é de 20 horas, con excepción do de cambios normativos que é de 15, o de extensión cultural, destinado esencialmente ao alumnado estranxeiro, que dura 75 horas e o de manexo e redacción eficaz do correo electrónico, de 10 horas.