DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula remata este venres 16 de setembro

A Área de Normalización Lingüística cambia o enfoque dos cursos de galego para adaptarse ás demandas dos usuarios

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 14/09/2011

A idea é responder ás demandas da comunidade universitaria e adaptar a oferta de cursos de galego que oferta a Área de Normalización Lingüística para este primeiro cuadrimestre. Para iso, diminuíuse o número de horas lectivas ao tempo que se aumentaron as clases presenciais e se actualizaron os contidos dos diferentes cursos, que teñen xa o prazo de matrícula aberto.

Unha das novidades, segundo explica Paulo Cabral, director da ANL, é que “neste primeiro cuadrimestre os cursos celebraranse no campus de Vigo, deixado para Pontevedra e Ourense os do segundo”. En total a ANL porá en marcha seis programas lectivos, cinco deles presenciais e un deles virtual, xa que a demanda dos usuarios ía cara esta tendencia.

Á primeira modalidade corresponden os cursos de Técnicas de expresión escrita, Técnicas de expresión oral, Redacción de documentos administrativos e Harmonización de textos, normalización e unificación, este último de nova implantación. Cada un deles terá unha duración de 20 horas, comezando o período lectivo na última semana deste mes. A matrícula péchase este venres 16 de setembro. Outro dos cambios para este curso reside no horario, xa que haberá cursos de mañá, demanda recollida tamén nas enquisas elaboradas no curso pasado entre os matriculados.

A idea que presidiu esta reorganización, apunta Paulo Cabral, é a dun cambio de enfoque”, mudando horarios, contidos, estrutura e profesorado, con cursos máis intensivos, que pasan de 40 a 20 horas e renovando completamente o material docente.

Pensado para os estranxeiros

Tamén de modalidade presencial é o clásico Curso de extensión cultural, destinado a estudantado estranxeiro que estea cursando este primeiro cuadrimestre na Universidade de Vigo. A idea é achegalos non só á lingua, senón tamén á cultura, á arte, á musica, ao patrimonio, ás tradicións e á paisaxe, para o que se realizarán numerosas saídas e excursións, por exemplo ao xacemento de San Cibrao de Las, a Bande, Allariz, Oseira, Pontevedra, a Compostela, Catoira ou á Costa da Morte. Outras das visitas amosaranlles de preto outro tipo de coñecementos sobre Galicia percorrendo adegas de Albariño, furanchos, festas e romarías e gozarán de concertos, contacontos e encontros con escritores en lingua galega. Este curso si se impartirá nos tres campus neste primeiro cuadrimestre e a matrícula pode realizarse ata o día 23 deste mes.

Na modalidade virtual impartirase o curso sobre Cambios Normativos, que ten como obxectivo axudar a actualizar os coñecementos gramaticais e que contará cunha proba final que si será presencial. O período de matricula pecharase tamén este venres 16.