DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle este luns e martes as Xornadas 'A Historia no medio'

Arqueólogos e xornalistas achegan posturas para transmitir e mellorar o discurso histórico

Os participantes salientan a importancia da divulgación para pór en valor o coñecemento

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 07/05/2012

“A historia e a comunicación son disciplinas que teñen en común dúas cuestións fundamentais. As súas estruturan, crean un relato e as dúas nútrense para facelo de fontes”. Así explicaba o xornalista Manuel Gago a súa visión da conexión entre comunicación e historia, tema de análise das Xornadas A Historia no medio que este luns e martes acolle o campus de Ourense. Nelas, historiadores, xornalistas e blogueiros danse cita para afondar no papel que os medios de comunicación e as novas tecnoloxías xogan na construción da historia e de como arqueólogos e comunicadores poden mellorar as súas relacións para unha maior posta en valor do coñecemento.

As xornadas, organizadas pola Facultade e Historia de Ourense, a Delegación Alumnos do centro, a Vicerreitoría do campus de Ourense e ALEHOU, foron inauguradas este luns pola decana da facultade, Beatriz Comendador. “Estas xornadas son unha moi boa oportunidade para ver, desde os diferentes puntos de vista implicados, como a historia é tratada nos medios de comunicación e como son actualmente as relacións entre estes dous ámbitos”, salientou Beatriz Comendador na apertura das sesións.

Catro visións

O historiador Jaime Almansa foi o encargado comezar as intervencións explicando como funciona a comunicación entre os xornalistas e os arqueólogos na actualidade. Almansa, entre outros aspectos, apuntou a frustración dos profesionais que traballan en proxectos financiados polas administracións, que ven como as novas sobre o seu traballo pasan diferentes filtros de reiterpretación a través dos gabinetes de comunicación e dos redactores ata a súa publicación nunha versión que xa se afasta da orixinal. A pesar destas dificultades, o arqueólogo Xurxo Ayán advertiu que “a comunicación ten que ser a fin da cadea de valor do coñecemento” e salientou a súa opinión de que os historiadores non poden manter “o desleixe que teñen cara a comunicación, pois ten un custe moi alto para a arqueoloxía”.

Neste senso, Manuel Gago, como xornalista pero tamén como divulgador de contidos relacionados coa arqueoloxía a través do portal culturagalega.org, do blog Capítulo Cero e do libro recentemente publicado con Xurxo Ayán Herdeiros pola forza, destacou a importancia de estreitar as relacións entre comunicadores e historiadores “pois teñen moitos puntos en común”. Gago chamou a atención sobre a importancia de deixar de centrar o interese na prensa escrita tradicional e de dirixila cara outros medios de temáticas especializadas e novos soportes. “O mercado existe, incluso en Galicia, e como mostra está o feito de que en pouco máis de dúas semana esgotamos os 500 exemplares da primeira tirada de Herdeiros pola forza”, comentou. Entre estes novos soportes, Abraham Herrero afondou no uso dos recursos audiovisuais para a difusión do patrimonio galego, destacando a súa utilidade para a transferencia do coñecemento.

A historia en construción

As xornadas terán continuidade o martes, día 8 de maio, cunha segunda sesión que comezará cunha intervención de Mario Ortiz sobre as redes sociais e outra de Adrián Estévez sobre a Galipedia como medio para achegarse á historia. David Simón Lorda presentará aos asistentes a súa experiencia como blogueiro médico e o xornalista Xurxo Salgado ofrecerá unha perspectiva sobre a visión e o tratamento da temática histórica no xornalismo. Para rematar a sesión celebrarase unha mesa redonda moderada por Laura Novelle baixo o título A historia en construción: xornalismo e historia actual.