DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia

Arranca o Cispac coa benvida ao persoal investigador

“Pretende ser referente no panorama internacional das humanidades e ciencias sociais”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 01/06/2022

Esta semana celebrouse o primeiro encontro do persoal investigador do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, Cispac, no edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia. A xornada, que tivo lugar este martes, comezou cunha benvida formal ás 73 persoas que formarán parte do centro, investigadores e investigadoras das tres universidades galegas. Interviron o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, director científico;  a catedrática de Socioloxía da Universidade da Coruña Laura Oso, directora adxunta, e o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xavier Simón, secretario do centro.

Posteriormente, os investigadores e investigadoras tiveron a oportunidade de coñecer as novas instalacións e equipamentos, do que dixeron é “un lugar de encontro de novas perspectivas”. A mañá rematou coa intervención de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, Universidades e Formación profesional; Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Raquel Souto, xerente da UVigo e Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña. Por último, leváronse a cabo as primeiras xuntanzas de traballo segundo os diferentes campos de coñecemento que estruturan o centro, iniciando así unha actividade que segundo palabras do director científico: “pretende ser referente no panorama internacional das humanidades e ciencias sociais”.

Destes máis de 70 investigadores e investigadoras, sete son docentes da Universidade de Vigo, onde imparten materias relacionadas con diferentes áreas académicas: Organización e Administración de Empresas, Economía, Ecoloxía, Química, Filoloxía Galega e Filoloxía Inglesa.