DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As tres mentoras son profesionais con máis de 15 anos de experiencia en distintos eidos

Arranca na FFT un programa de mentoría para o alumnado do Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional

De marzo a maio, tratarán de axudarlles ao alumnado a desenvolver o seu máximo potencial profesional

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
D. Besadío DUVI 18/03/2024

O Mestrado en Tradución para a Comunicación Internacional, con Mención de Excelencia da Xunta de Galicia, acaba de pór en marcha un programa de mentoría que lle dá a oportunidade ás  súas15 alumnas e alumnos de desenvolver o seu máximo potencial profesional da man de tres profesionais con máis de 15 anos de experiencia en diversos eidos do mundo da tradución e tamén da mentoría.

Tras obter a Mención de Excelencia no verán do 2021, un dos obxectivo deste mestrado era pór en marcha, en menos de cinco anos, todo un programa de mentorías personalizadas co fin de fomentar o desenvolvemento persoal e profesional do mesmo a través do intercambio de coñecemento, habilidades e experiencia das persoas mentoras. “Así, durante os vindeiros tres meses o alumnado terá a posibilidade de estar acompañado de tres profesionais con dilatada experiencia na tradución e experimentadas no exercicio da mentoría”, explica o profesor Óscar Ferreiro.

O programa vaise levar a cabo en modalidade virtual. Cada participante do alumnado porase en contacto coa persoa mentora para concertar unha sesión por videoconferencia. “Estas sesións terán lugar ao longo dos tres meses do programa e cunha duración de aproximadamente dúas horas á semana, nas que compartirán coñecementos e preguntarán dúbidas sobre aqueles nichos de mercado que máis lle interesen”, engade Ferreiro. 

Ana Sofia Saldanha, Isabel Vidigal e Ana Julia Perrotti

O cadro de mentoras está integrado por tres profesionais no eido da tradución: Ana Sofia Saldanha, Isabel Vidigal e Ana Julia Perrotti. Ana Sofía Saldanha, tradutora profesional desde 2008, é profesora da Universidade Autónoma de Lisboa desde 2014 e está especializada en temas de mentoría para tradutores. É embaixadora internacional e asociada da IMA (International Mentoring Association), en Estados Unidos e asociada do ITI (Institute for Translation and Interpreting) e do CIOL (Chartered Institute of Linguists), ambos no Reino Unido.

No caso de Isabel Vidigal traballa como tradutora freelance traducindo do inglés, francés e español para o portugués de Brasil, sobre todo no campo do marketing, material corporativo, gastronomía, mercado de alto luxo e técnico. Leva varios anos exercendo como mentora axudando a múltiples profesionais a dirixir a súa carreira e integrarse no mercado.

Completa o programa de mentoras Ana Julia Perrotti, tradutora freelancer e microempresaria no campo das Ciencias da Saúde. Na súa traxectoria traduciu máis de 30 libros e decenas de capítulos para grandes editoras médicas. Actuou como mentora do programa Camiño das Pedras de Abrates Brasil entre 2016 e 2018.