DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación dos reitores, alcalde, directora da Fundación Biodiversidade e director do CEER

Arranca en Outes a recuperación do río Tins da man das tres universidades galegas

Desenvolveranse múltiples actividades de fomento da biodiversidade na contorna do cauce fluvial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/03/2023

O río Tins é unha das principais sinais de identidade do concello coruñés de  Outes, na comarca de Noia. Discorre de norte e sur polo centro do municipio e, ao igual que aconteceu noutras moitas localidades, a urbanización da vila fíxose, en demasiadas ocasións, sen ter en conta o coidado das súas paisaxes naturais, incluído o propio río (infraestruturas construídas de forma pouco harmónica co medio, existencia de barreiras transversais que impiden o continuo fluvial, acumulación de residuos urbanos na bacía do río…). Isto cambiará agora de xeito radical coa posta en marcha de Renatur_Outes, un ambicioso proxecto de recuperación, renaturalización e integración do Tins ao seu paso polo núcleo urbano. Subvencionado cun millón de euros pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia -fondos Next Generation-, o  proxecto reúne a participación das tres universidades públicas galegas, o Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia e norte de Portugal, CEER, o Concello de Outes, que lidera o proxecto, e a Fundación Montescola. 

Este venres celebrouse o seminario de inicio, un encontro que contou coa participación dos tres reitores –Manuel Reigosa, da UVigo; Antonio López, da Universidade de Santiago de Compostela, e Julio Abalde, da Universidade da Coruña-; o alcalde de Outes, Manuel González; a directora da Fundación Biodiversidad, Elena Pita, e o director do CEER Ángel Miramontes. Todos fixeron fincapé na importancia dunha iniciativa na que as tres universidades públicas galegas se poñen ao servizo da administración pública local para realizar unha estratexia de reordenación e integración ambiental de toda esta contorna.

Recuperación do bosque de ribeira, limpeza de residuos, actividades de sensibilización...

No eixo do proxecto están a recuperación do bosque de ribeira, o control de especies exóticas invasoras, como as distintas especies de acacia presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmi, a limpeza de residuos da contorna fluvial e a sensibilización medioambiental mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas, fomentando a participación pública da cidadanía de Outes mediante sesións de gobernanza cidadá ao longo de toda a vida do proxecto. Desde xeito, non só se pretende alcanzar unha recuperación e mellora da biodiversidade, senón tamén xerar un compromiso social máis aló da propia vida do proxecto.

Previo á presentación institucional do proxecto, levouse a cabo unha sesión de carácter máis técnico na que responsables de cada un dos socios implicados explicaron brevemente as grandes liñas de actuación que se van pór en marcha. Por parte da Universidade de Vigo, o catedrático do Departamento de bioloxía vexetal e ciencias do solo Luís González salientou os efectos que as especies invasoras causan no río e a dificultade para erradicalas senón se conta coa colaboración e complicidade cidadá. 

Neste senso levouse tamén a cabo unha sesión de gobernanza co público de Outes. “Este acto de presentación é, de feito, o primeiro paso para adherir a determinados grupos sociais, que están aquí presentes, á nosa proposta”, recalcou González, quen incidiu na importancia de  recuperar o bosque de ribeira, actualmente escaso neste tramo, e prolongalo onde sexa posible con carballeira climatófila da zona.

Participación directa da cidadanía

Tal e como se explicou durante o seminario o proxecto busca integrar a participación directa da cidadanía na recuperación do río, xerando espazos para un maior desfrute da contorna fluvial e para o desenvolvemento de actividades ambientais e divulgativas, polo que se convida ás entidades educativas, de ocio e turismo de natureza da contorna a participar nas diferentes fases do proxecto e na cogobernanza e xestión do espazo. Nesa liña, o seminario de inicio do proxecto completouse cun miniroteiro ambiental polo río e unha pequena intervención simbólica de eliminación de especies exóticas e plantación de árbores autóctonas (ameneiros, freixos…) guiada por persoal da Fundación Montescola e os especialistas das universidades en colaboración co colexio e instituto local.