DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas trasladaranse mañá á Universidade de Santiago de Compostela e o xoves a da Coruña

Arranca en Vigo a Semana Galega da Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento pondo en valor a importancia do traballo en rede

Entre outros, expuxéronse proxectos que se están a levar a cabo en Cabo Verde e Guinea Bissau

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • HRS4R
  • Internacional
  • Reitor
  • Institucional
D. Besadío DUVI 09/05/2023

“As universidades públicas galegas non podemos ser unha illa e pensar só no desenvolvemento cada vez máis xusto e harmónico da sociedade galega, esquecendo, sobre todo nós que fomos emigrantes durante tanto tempo, que no resto do mundo tamén hai esa necesidade de benestar, de igualdade e de xustiza social”. Con estas palabras do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, arrancou este martes en Vigo a I Semana Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, unha actividade organizada desde a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, RGCUD, organismo integrado polas tres universidades públicas galegas e que nestes intres está coordinada pola UVigo.

Serán tres días integramente dedicados a reforzar o papel das universidades públicas galegas como axentes de cooperación, tres días nos que “sacar peito”, tal e como se destacou na inauguración, “do excelente traballo que están a levar a cabo as universidades galegas neste ámbito, un traballo que moitas veces pasa desapercibido, pero que ten un impacto moi grande e moi satisfactorio”, explicou a vicerreitora de  Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, Maribel Doval, facendo así fincapé no “esforzo colectivo” que supoñen estas accións. Xunto a Reigosa e Doval, participaron na inauguración o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya, e a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela, Mª José López Couso, que o fixo telematicamente.

“A investigación ten moito que dicir en todo o que é a cooperación internacional”

“En todos os traballos que se desenvolven nestes ámbitos nas universidades galegas demóstrase o seu firme compromiso co desenvolvemento”, subliñou a vicerreitora da USC, quen se amosou confiada en que as colaboracións para seguir desenvolvendo accións “tan relevantes e necesarias”, vaian cada vez a máis. Nesta liña, en representación da UDC Salvador Naya engadiu a idea de que “a investigación ten moito que dicir en todo o que é a cooperación internacional, especialmente en África, pero tamén en Latinoamérica”.

Coa celebración destas xornadas as universidades galegas buscan reforzar a súa colaboración no eido da cooperación. A idea é, tal e como se recalcou durante a inauguración, achegarse ao fenómeno da cooperación universitaria ao desenvolvemento establecendo un foro de diálogo e reflexión entre os principais actores da cooperación, así como a crear sinerxías conxuntas que xeren un efecto multiplicador das accións de cooperación no marco da Axenda 2030. A cita desenvólvese este martes no edificio Miralles baixo o lema, Alianzas; mañá mércores as persoas participantes trasladaranse a Santiago de Compostela e xa o xoves as xornadas continuarán na Coruña.

Como exemplos destes traballos de cooperación galega, nesta caso cooperación exterior, salientáronse, entre outros, un proxecto que se está a levar a cabo en Cabo Verde liderado polo profesor Gonzalo Méndez e dirixido a impulsar diferentes accións de emprendemento sustentable, e outro dirixido á posta en marcha dun sistema de mellora da xestión da auga para consumo humano nunha poboación de Guinea Bissau, dirixido pola profesora Concepción Pérez Lamela. 

Tres días de intenso programa

O relatorio inaugural das xornadas correu a cargo de Rosa Mª Martínez Espinosa, vicerreitora de Relacións Internacionais e Cooperación para o Desenvolvemento da Universidade de Alacant e coordinadora do grupo de traballo de cooperación da sectorial de Internacionalización e Cooperación da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, CRUE, e o programa da mañá incluíu tamén un relatorio sobre o pasado, presente e futuro da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento, no que se contou coa participación de representantes das tres universidades galegas. Posteriormente, tras a inauguración, tivo lugar a mesa redonda Que instrumentos poñen as administracións públicas á disposición da cooperación universitaria para o desenvolvemento? na que se contou coa participación de Carolina Diz Otero, asesora técnica en materia de cooperación para o desenvolvemento e acción humanitaria de Cooperación Galega, e Maite Martín Crespo, xefa de área de Medioambiente e Cambio Climático da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, AECID.

Xa pola tarde, presentaranse diferentes experiencias de investigación e cooperación no ámbito universitario galego. Será nunha mesa redonda moderada pola vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. O programa rematará nesta primeira xornada cunha presentación sobre a universidade e as ONGD, unha oportunidade para colaborar no marco dos proxectos de cooperación.

Mañá mércores as xornadas trasládanse á Universidade de Santiago de Compostela, baixo a temática A universidade creando conciencia.  Neste caso o programa centrarase no papel da Universidade como axente de cambio da sociedade a través da educación para a cidadanía global. O último día será o xoves no salón de graos da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, onde a temática central serán as persoas. Neste caso falarase sobre as actuais crises de persoas refuxiadas e sobre as medidas e programas que se están a adoptar por parte das universidades neste eido, así como da abordaxe de retos conxuntos. “A idea é pechar as xornadas reflexionando sobre o futuro da cooperación universitaria ao desenvolvemento abordando os retos para unha cooperación universitaria, feminista, sostible interseccional e decolonial”, explica Henar Quintas, directora da Área de Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo.