DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Protagonizada por catro investigadoras da UVigo de distintos eidos e etapas profesionais

Arrancan as actividades de celebración do 11F cunha charla interxeracional sobre a muller na ciencia

A actividade contou tamén coa participación de Belén Rubio e Águeda Gómez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 05/02/2024

Dende diferentes eidos do coñecemento, diferentes campus e diferentes etapas profesionais. Catro mulleres investigadoras da Universidade de Vigo compartiron as súas experiencias e as súas visións nunha charla interxeracional coa que a institución arranca a celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia. Foi o venres no edificio Redeiras e nela compartiron protagonismo Nair Varela, como investigadora predoutoral; Sara Albán, como investigadora posdoutoral; Emma Torres, investigadora consolidada, e Inés Celia Iglesias, como investigadora catedrática.

Durante a conversa, organizada pola Unidade de Cultura Científica, cada unha delas relatou como se desenvolveu a súa traxectoria profesional e académica e como, a pesares de pertencer a distintas xeracións, seguen detectando desigualdades de xénero, especialmente en determinadas carreiras e canto máis se sube na escala profesional.

Diferentes xeracións e visións

Moderada pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, a mesa redonda arrancou coa intervención das investigadoras máis novas. Nair Varela Rouco, investigadora no grupo de Filoxenómica do CINBIO, chegou ao Grao en Bioloxía sen referentes femininos, pouco comúns no seu ámbito. Ela non se atopou con demasiados atrancos, pero recoñece que os cargos de responsabilidade e xestión no seu eido están desempeñados por homes. 

No caso de Sara Albán Barcia, recente doutora en Filoloxía Inglesa, recoñeceu que a súa carreira está profundamente feminizada e que a maioría de estudantes e docentes son mulleres. Ela contou con referentes femininos, pero na súa experiencia como docente “fóra da súa burbulla” si que tivo problemas para que a respectasen por ser muller e moi nova. “Segue habendo un estereotipo social, hai carreiras que son máis de mulleres e hai unha falta clara de referentes”, afirmou.

Cunha experiencia profesional extensa, Emma Torres Romay e Inés Celia Iglesias Canle achegaron unha perspectiva profesional máis ampla. A decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación afirmou que cando comezou a estudar a titulación de Publicidade e Relacións Públicas a maioría do alumnado eran mulleres, pero o profesorado era masculino. “Nós non tiñamos referentes no mundo da investigación, porque en España non había referentes, non había investigadoras en comunicación. Había poucas e estaban lonxe de nós”, afirmou Torres. Tamén se referiu á falta de presencia das mulleres en postos de responsabilidade e á necesidade de levar a cabo medidas de corrección. A docente destacou que en moitos casos son as propias mulleres as que se poñen límites, xa que son moito máis esixentes con elas mesmas. Unha acción positiva que se podería levar a cabo, na súa opinión, é titorizar e apoiar a futuras investigadoras, mentorizalas para que non se sintan soas.

Na falta de referente femininos tamén fixo fincapé Inés Celia Iglesias e en como ela empregou esa desigualdade “como fortaleza”, aínda que tivo que traballar o dobre para conseguir o mesmo que os seus compañeiros. Durante as súas experiencias na xestión, como decana da Facultade de Dereito, primeiro, e actualmente como directora do IXEX, Instituto Universitario de Investigación Xustiza e Xénero, sentiuse sempre integrada pero, segundo insistiu, sempre tipo que demostrar a súa capacidade, cousa que non pasa cos compañeiros homes. Desde o seu punto de vista é preciso poñer na mesa solucións efectivas para o cambio social e ser exemplo para que as xeracións futuras poidan ver que é posible. 

Pola súa banda, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, reflexionou sobre as desigualdades que segue habendo na universidade e como as mulleres se seguen atopando con numerosos obstáculos e teñen que facer un esforzo maior ca os homes para conseguir o mesmo, un auténtico “labirinto de cristal”. Nesta liña, apuntou como a institución traballa con diferentes accións positivas e medidas pioneiras para mellorar a situación, se ben o avance é máis lento do esperado. “Hai un déficit de coidados masculinos, pero o futuro a medio prazo é prometedor,  a cultura académica está a mudar”, afirmou Gómez.