DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reúne a alumnado, empresas, inspección e entidades relacionadas co sector agroalimentario

Arredor de 170 persoas asisten na Facultade de Ciencias a unha xornada sobre seguridade alimentaria

Organizadas polo grupo de investigación Food and Health Omics

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 19/04/2024

Co título Seguridade alimentaria “da granxa á mesa”, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da II Xornada anual sobre políticas alimentarias, organizada polo grupo de investigación deste centro Food and Health Omics. A cita presentouse como “un punto de encontro entre os distintos axentes da cadea alimentaria no que expor a súa experiencia no ámbito da seguridade alimentaria”, contando coa asistencia de arredor de 170 persoas.

A xornada estivo coordinada polas profesoras e investigadoras Raquel Rial, Beatriz Cancho, Elena Martínez e Carmen González. Na súa inauguración, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, lembrou que a seguridade alimentaria constitúe unha área de traballo prioritaria do campus Auga, o campus de especialización de Ourense. Nun mundo que afronta desafíos crecentes relacionados co cambio climático, comentou, a degradación dos recursos naturais, os conflitos e as crises económicas ameazan a dispoñibilidade e o acceso a alimentos seguros e nutritivos para todos. Neste contexto, o responsable académico afirmou que “este evento supón unha oportunidade para compartir coñecementos, experiencias e mellores prácticas, así como para identificar solucións innovadoras e colaborativas que reforcen a nosa capacidade para afrontar os retos da seguridade alimentaria”.

Cada ano, explicou pola súa banda Beatriz Cancho, “organizamos unha xornada sobre políticas alimentarias porque queremos que se consolide a Facultade de Ciencias como punto de encontro e foro de debate entre todos os axentes dos diferentes ámbitos do sector alimentario e este ano decidimos dedicala á seguridade alimentaria”. Así, a actividade reuniu “a todos os actores imprescindibles” para falar de seguridade alimentaria no marco da estratexia “da granxa á mesa”, que abarca toda a cadea alimentaria e que está destinada a acadar sistemas alimentarios xustos, saudables e respectuosos co medio ambiente. Sobre a relevancia da temática abordada, desde a organización da actividade lembraron que o obxectivo das políticas alimentarias da Unión Europea en materia de seguridade alimentaria é protexer aos consumidores así como garantir un bo funcionamento do mercado interior. E neste senso, apuntaron que a avaliación de posibles riscos alimentarios eríxese como a base científica para a toma de decisións en materia de seguridade alimentaria e nutrición.

Os diferentes actores

A programación arrancou cunha intervención sobre o labor do Comité Científico da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) na avaliación de riscos alimentarios e identificación de emerxentes, a cargo dun dos seus membros, Azucena del Carmen Mora, catedrática do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Co obxectivo de “velar por que ao consumir non che chegue ningún alimento que supoña algún risco para el”, o papel deste órgano, apuntou, é fundamentalmente avaliar os riscos asociados aos alimentos e emitir informes ao respecto, desde informes dirixidos a dar recomendacións á sociedade ata outros con impacto no control de fronteiras.

Seguíronlle intervencións sobre o compromiso hixiénico dos operadores na industria alimentaria, a cargo de Noelia Ron, conselleira técnica de Hixiene da empresa Kersia, e sobre a integración da seguridade e a calidade no sistema de autocontrol, con Andrés Pereira, adxunto á dirección da empresa Queizuar SL. Ademais, Nieves Infanzón, directora do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, falou do papel deste organismo no marco dos programas de vixilancia e control oficial de alimentos, e Luís Couto, inspector técnico veterinario, xefe de zona de Lalín dos servizos veterinarios de Saúde Pública e vogal da Sociedade Española de Seguridade e Calidade Alimentarias, interveu sobre o rol do inspector de Saúde Pública no control oficial da cadea alimentaria.