DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A celebración tivo lugar o sábado e contou cunha andaina ata o castro ourensán de Santomé

Arredor de 200 persoas participaron na conmemoración dos 25 anos das rutas culturais da UVigo

Tamén houbo recoñecementos para persoas vinculadas co seu desenvolvemento estes anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 20/11/2023

Arredor de 200 persoas, membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela, sumáronse este sábado á conmemoración dos 25 anos das rutas culturais da Universidade de Vigo. Foi cunha andaina de nove quilómetros desde o campus de Ourense e ata o castro de Santomé similar á que en 1999 arrancou a programación desta iniciativa, xurdida para fomentar o coñecemento da contorna. Xa de volta ás instalacións universitarias, a celebración continuou no edifico Xurídico-Empresarial cun emotivo acto no que houbo recoñecementos para persoas que ao longo destes anos estiveron de xeito especial vinculadas ao desenvolvemento destas andainas, nomeadamente a José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios desde as súas orixes.  

Entre as persoas participantes estiveron as e os impulsores das rutas culturais da UVigo (José García-Calvo, Beatriz Vaquero, Xosé Manuel Cid e Pino Díaz); o vicerreitor do campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, e as súas predecesoras no cargo María Lameiras e Esther de Blas; Xabier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo; Rodrigo Alberte, técnico desta área no campus de Ourense, e membros de Xeitura, cooperativa encargada da xestión das rutas.

As rutas culturais da Universidade de Vigo, lembrouse no acto, arrancaron no ano 1999 no campus de Ourense como unha iniciativa da Facultade de Historia, da man da profesora Beatriz Vaquero, coa colaboración de Xosé Manuel Cid, Pino Díaz e José García-Calvo e coa finalidade de achegar aos seu alumnado a riqueza histórico-artística do patrimonio cultural e paisaxístico de Galicia. Posteriormente, a actividade estendeu ao resto de titulacións do campus de Ourense, incluíndo a todos os membros da comunidade universitaria (alumnado, persoal de administración e servizos e profesorado) e aos demais campus de Universidade de Vigo e á cidadanía en xeral. Desde entón e ao longo destas décadas, realizáronse máis de 230 rutas por Galicia, Norte de Portugal e as autonomías limítrofes, cinco Camiños de Santiago (catro deles en Ano Xacobeo), varias xornadas especiais de convivencia de fin de semana, acadando unha cifra próxima aos 15.000 participantes. Durante o acto lembrouse con satisfacción e emoción esta traxectoria e ás persoas e institucións que a fixeron posible, destacando a “familia” que ao longo destes anos se ten fraguado arredor destas andainas universitarias.