DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cinco estudantes de BBAA participan nun proxecto da Politécnica de Valencia sobre esta doenza

Arte para dar voz á hepatite C, a “enfermidade silenciosa”

Elaboraron diferentes obras inspirándose no relato de persoas que padecen esta patoloxía

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 08/10/2014

A ausencia de síntomas pode provocar que unha persoa con hepatite C, unha patoloxía viral que pode causar cirrose ou cancro de fígado, descoñeza durante anos que padece esta “enfermidade silenciosa”. Así a definiron os pacientes cos que se reuniron José Manuel Vidal, Moisés Escudero, Ainara Herrera, Susana Robles e Iria García, cinco estudantes da Facultade de Belas Artes que participan nun proxecto da Cátedra Arte e Enfermidade da Universidade Politécnica de Valencia, dirixido a outorgar visibilidade, a través da arte, á realidade que rodea a esta doenza. Inspirándose no relato das persoas que a padecen pacientes, estes cinco alumnos crearon unha serie de obras nas que reflectían tanto ese silencio que rodea á doenza como o “momento traumático que supón ter coñecemento da enfermidade”, como relata Robles.

A ese instante concreto e ao “camiño en silencio que percorres desde entón” tentou achegarse esta alumna do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación coa súa obra Paso a tres, unha escultura na que recrea tanto ese instante no que se ten coñecemento de que se padece a enfermidade como o tempo previo e posterior, nun intento de “conectar cunha situación traumática que pode ser común a outras persoas”. Nese mesmo “momento de desolación” e no apoio familiar que reciben estas persoas fundamentou o seu traballo José Manuel Vidal, que tentou de reflectir na peza O espazo que habito aquel “lugar onde se sufre a enfermidade e onde te sentes protexido”. Partindo desta idea, este estudante de doutoramento creou unha vivenda con espellos no seu interior e dotada dunhas correas que permiten levala ao lombo como unha mochila, coa idea que “esa contorna que te protexe se vexa reflectida en calquera lugar ao que vaias”.

Contrapoñendo o exterior e o interior

Coa idea de que “o público puidese interactuar coa obra”, Iria García deu forma a unha escultura-instalación que trata de amosar ese carácter “asintomático e silencioso” da hepatite C. Con este obxectivo, esta alumna do máster en Arte Contemporánea presentou a este proxecto un traxe co que busca que “as persoas poidan poñerse na pel do enfermo” e comprender a “persoas normais no exterior pero interiormente danadas”. Por iso, dotou a esta prenda dun forro que presenta como “unha metáfora da hepatite C, xa que a medida que a xente o vaia poñendo irase deteriorando, aínda que por fóra non se perciba”. Ese proceso de deterioro, “desde o momento no que a enfermidade está no corpo do suxeito ata que explota, física e emocionalmente” foi o eixo do traballo realizado por Ainara Herrera. Esta estudante do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual realizou unha serie de cinco ilustracións empregando como soporte unhas bolsas de té, coas que alude “ao fígado, aproveitando que este é o filtro natural do noso corpo”, e coas que tenta dar forma a unha obra “silenciosa, sinxela e fráxil, como o órgano afectado”.

No A, No B, No C é o título que Moisés Escudero outorgou ao cómic de 12 páxinas que realizou tras unha reunión cos pacientes na que “o aspecto que máis me impresionou é o nerviosismo e a desesperación que sofren cando lles diagnostican a enfermidade e ingresan na lista de agarda para un transplante de fígado”. Esa idea e a “vitalidade, tranquilidade e vitalidade” que lles outorga ese transplante foron reflectidas por este estudante do máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual nunha obra sen diálogos “cargada de simbolismo” e na que conta a historia dunha muller “que ao espertar, descobre que comeza a facerse invisible e como debe buscar unha solución mentres esa invisibilidade se estende polo seu corpo, nunha viaxe na que o desasosego e a esperanza se dan a man”.

Unha liña de traballo que os vincula coa sociedade

Preto dun cento de estudantes de diferentes países foron seleccionados pola Cátedra Arte e Enfermidades para participar nunha iniciativa que dá continuidade á que se realizou a comezos de 2014 sobre enfermidades autoinmunes. Naquela iniciativa xa participaran catro estudantes de Belas Artes, unha das oito facultades de España seleccionada para este novo proxecto, segundo explica o seu decano, Juan Carlos Meana, que se amosa “encantado de que sigan contando con nós para un proxecto que se enmarca nunha liña de traballo que nos parece moi importante, a de vincular a facultade coa sociedade”.

Nesta ocasión, foron cinco os estudantes seleccionados para un proxecto que comezou en xuño cunha reunión con integrantes da Asociación Galega de Transplantes Airiños. Nesta xuntanza, o alumnado puido coñecer de primeira man a realidade que viven os enfermos de hepatite C, así como a súa loita para que o Ministerio de Sanidade financiase os novos fármacos que existen para combater esta doenza, decisión que adoptou hai poucos días. “Son xente moi aberta, que desde o primeiro momento se abriu a nós e relatounos os seus casos”, salienta José Manuel Vidal, que explica como a partires de aí comezaron a traballar partindo "do respecto a persoas moi xenerosas”. Na mesma liña pronúnciase Robles, que apunta ao valor que tivo o seu relato no inicio do proceso creativo. "O que che contan é moi importante, sobre todo por como o fan, polas emocións”, destaca esta alumna dunhas persoas “con moita sensibilidade, ás que penso que a enfermidade lles dá outra forma de ver as cousas”.

O traballo destes alumnos culminouse hai unhas días co envío das obras a Valencia, onde serán seleccionadas para participar en diferentes exposicións. Mais antes cumpría facer balance dun verán de traballo coas persoas que inspiraron o que todos coinciden en sinalar como “unha experiencia moi gratificante e repleta de humanidade”, como apunta Escudero. Este reencontro permitiu que os pacientes “puidesen ver como as historias que nos contaron se converteran nalgo tanxible, visual”, como sinala García, que apunta que este traballo, “moi enriquecedor, tanto no plano artístico como no persoal”, podería ter contribuído mesmo para “gañar adeptos para a arte contemporánea”, dada a boa acollida que os pacientes dispensaron ás súas creacións.