DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reflexión inédita na vindeira exposición do MUSAC, que se inaugura este sábado e que reúne a 80 arti

Arte e feminismo, unha relación de 40 anos

Cinco docentes da Facultade de Belas Artes participan nesta mostra de referencia nacional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 21/06/2012

Un percorrido de máis de medio século pola relación entre arte e feminismo é o que ofrece a exposición colectiva Genealogías feministas en el arte español: 1960 – 2010, que se inaugura este sábado 23 de xuño no Museo de Arte Contemporánea de Castela e León, MUSAC. A relevancia desta mostra reside en que é a primeira reflexión conxunta sobre os discursos de xénero na produción artística española, contando coa participación de 80 artistas de todo o territorio nacional, entre os que se atopan cinco profesores da Facultade de Belas Artes, Xoán Anleo, Mar Caldas, Yolanda Herranz, Chelo Matesanz e Marina Núñez, afíns a esta liña de investigación artística.

“Non é unha mostra ao uso”, explica Yolanda Herranz, pois “achega unha contextualización que ata o de agora non estaba feita”. Aclara que a publicación resultante desta exposición converterase nun libro de referencia a nivel histórico e artístico “no que aparecerá recollido o nome da Facultade de Belas Artes”. A docente Mar Caldas tamén quere resaltar a importancia e a “necesidade” de levar a cabo este proxecto expositivo que recolle unha visión retrospectiva sobre as diferentes liñas feministas. “Trátase dunha exposición valiosa para os investigadores e investigadoras de xénero e arte e para o público en xeral xa que cartografa unha relación de interese de varias décadas”, apunta Caldas. Genealogías feministas en el arte español tamén parte co obxectivo de restaurar a memoria borrada destas prácticas, “inxustamente esquecidas”.

A reflexión de artistas galegos sobre esta temática “é moi salientable”, sinala Mar Caldas, “cunha preocupación polos comisarios por explorar o conxunto do territorio español e non quedar só con profesionais dos lugares centrais consabidos”. Así, a participación de docentes da Facultade de Belas Artes “é notoria”, apunta, o que demostra a súa importante contribución nesta liña de traballo e investigación.

Unha mostra de 150 obras

Esta “macro” exposición inclúe unha selección de 150 obras distribuídas en catro salas do MUSAC, aberta ao público ata o vindeiro mes de xaneiro. Entre os artistas, “participan moitos cunha gran proxección nacional e internacional, cuxas achegas están recollidas nos libros de texto especializados”, aclara a profesora Herranz. Tanto é así que os propios comisarios desta mostra, Juan Vicente Aliaga e Patricia Mayayo “son especialistas reputados en cuestións de xénero, tanto que forman parte das bibliografías dos estudantes universitarios”, engade.

Entre as obras presentadas polos profesores da facultade pontevedresa, Mar Caldas bota man dunha obra dos inicios da súa traxectoria como artista, Diálogo con un hijo ausente, constituída por 14 pezas nas que se mesturan imaxes fotográficas de partes núas do corpo humano con texto bordado en fío vermello. “Abórdase o tema da maternidade defendendo que é unha elección da muller e en absoluto a súa finalidade”, explica a autora. Pola súa banda, Yolanda Herranz recorreu a unha intervención escultórica realizada en 1997 no monumento dos Heroes do Ponte Sampaio en Pontevedra. Co título de Caídas, Herranz rende homenaxe ás heroínas anónimas de todas as batallas, “as nunca mencionadas, as non lembradas, as esquecidas, as viúvas, as orfas, as madres sen fillos”, de aí que escollera a parte de atrás do monumento para emprazar a súa peza, “como espazo simbólico do lugar secundario que ten ocupado a muller na historia”, comenta a propia Herranz. Formalmente, a súa intervención baséase nunha elaboración de 33 pares de diferentes tamaños de pés, metalizados en ouro, prata e bronce. Ou a obra de Marina Núñez, que fai alusión ás características que se acostuman asociar ás mulleres “e que son as mesmas que o imaxinario popular atribúe aos tolos ou aos monstros”. O histerismo ou a alusión á condición física “son estereotipos creados para denigrar, para que o home brille por comparación”, comenta Núñez sobre a súa obra pictórica presente nesta exposición.