DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O museo vigués oferta un curso sobre Historia da fotografía e outro de Vangardas históricas do sécul

Arte e fotografía ao alcance do alumnado da Universidade no MARCO

As sesións darán comezo o 6 de outubro e discorrerán en paralelo á exposición do fotógrafo Virxilio

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Sara Alcázar DUVI 04/10/2010
Arte e fotografía converxen nun mesmo escenario, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), para poñerse ao alcance do alumnado da Universidade a través dos cursos Unha relectura das vangardas: da ilusión ao escepticismo e A fotografía: historia doutra mirada, ambos impartidos pola doutora en Historia da Arte, Ana Pereira Molares.

Segundo comenta a responsable da Área de Comunicación do MARCO, Marta Viana, “estes cursos fomentan a interdisciplinariedade de coñecementos de diferentes áreas, polo que gozan dunha boa aceptación entre o público, no que cada vez hai máis presenza de xente nova” sinala Viana, que fai referencia á formación do alumnado “como unha oportunidade para establecer novos vínculos de colaboración entre a Universidade e o museo” apunta. Ademais, a responsable de comunicación salienta a docencia “como unha das claves máis atractivas dos cursos, posto que Ana Pereira é unha profesional que fai dos contidos algo ameno e de calidade” afirma. Nesta liña, dende o MARCO realizan unha chamada á participación animando ao alumnado da Universidade e á cidadanía a inscribirse nestes cursos, que xa contan con 84 e 47 matriculados respectivamente. As sesións darán comezo o mércores 6 de outubro e desenvolveranse unha vez por semana ata o 25 de maio de 2011.

Afondar na historia da arte a través das vangardas

Baixo o título Unha relectura das vangardas: da ilusión ao escepticismo, o alumnado matriculado neste curso poderá afondar sobre aspectos e autores menos coñecidos ou analizados do mundo artístico, co obxecto de ofrecer unha visión innovadora das vangardas históricas do século XX e da súa influencia na arte actual.

Ao longo de 27 sesións, o curso realizará un repaso por diferentes movementos artísticos como o novo concepto de arquitectura do século XX protagonizado por Le Corbusier, a Bauhaus, o Fauvismo por Matisse, Braque e Picasso como impulsores do Cubismo ou Umberto Boccioni no Futurismo. As sesións desenvolveranse todos os mércores, de 19.30 a 20.45 horas no salón de actos do MARCO.

Profesionais da fotografía achegarán a súa experiencia

Realizar un percorrido pola historia do xénero fotográfico, dende o seu nacemento ata as últimas tendencias, é o principal obxectivo de A fotografía: historia doutra mirada, un curso no que terán cabida temáticas como o pictoralismo e a fotografía artística, a reportaxe gráfica e tamén o papel da fotografía na guerra, a moda e a publicidade. Para a súa impartición, Pereira contará coa colaboración de recoñecidos fotógrafos que achegarán as súas experiencias neste campo como Enrique Touriño, que amosará os aspectos máis básicos da linguaxe fotográfica.

Entre as actividades do curso, que terá lugar todos os mércores de 18.00 a 19.15 horas ata finais de maio, inclúese unha sesión dedicada á obra do fotógrafo Virxilio Vieitez, aproveitando unha exposición paralela do autor que se inaugurará o 22 de outubro no MARCO.

Inscrición e matrícula

Tanto os programas detallados como as fichas de inscrición están dispoñibles no MARCO, en horario de 11.00 a 21.00 horas de martes a sábado e de 11.00 a 15.00 horas o domingo, así como na web do museo. O prezo de matrícula é de 180€ para o público en xeral, mentres que o estudantado da Universidade poderá beneficiarse dun desconto do 20%, coa posibilidade de realizar o pago fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.

Ademais, a realización deste curso supón o recoñecemento de 2 créditos de libre elección para o alumnado da Universidade de Vigo que cumpra os requisitos de asistencia. O prazo de inscrición rematará unha vez cubertas todas as prazas.