DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado da Facultade de Belas Artes colabora coa plataforma solidaria PasoVigo

A arte non entende de limitacións físicas nin mentais

A sociedade recorre cada vez máis a esta disciplina para estimular a creatividade en persoas con dis

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 29/02/2012

“Por descoñecemento acostúmase comparar discapacidade con incapacidade e non é así”, reflexiona Laura Pérez, unha das alumnas da Facultade de Belas Artes que colaborou como monitora na Plataforma de Accesibilidad Solidaria de Vigo, PasoVigo, ao abeiro dun convenio de colaboración asinado coa facultade pontevedresa. Este organismo, que aglutina aos principais centros de día para persoas con discapacidades físicas, mentais ou intelectuais, recorreu á Universidade de Vigo para organizar de xeito conxunto actividades e obradoiros artísticos impartidos por alumnado dos últimos cursos “co fin de achegar ferramentas que estimulen a creatividade para romper limitacións”, explica Loreto Blanco, profesora responsable do proxecto.

A docente salienta que cada vez máis centros especializados recorren aos efectos terapéuticos da arte para estimular os sentidos e motivar ás persoas con algún tipo de discapacidade “xa que a expresión artística pode apoiar e achegar algo positivo en situacións de conflito”, sinala. Neste sentido, a Facultade de Belas Artes convértese nun “socio ideal” para levar a cabo estas iniciativas sociais “ata o punto de que o centro está integrado á vez en varios proxectos de voluntariado deste tipo”, engade. Esta colaboración amosa o compromiso social que a Universidade ten co tecido social do seu arredor, “unha institución sensible e pendente dunha corrente que tenta mellorar a calidade de vida a través da arteterapia”.

Unha experiencia completa

Esta experiencia piloto fíxose efectiva no primeiro cuadrimestre e seguirase desenvolvendo no resto do ano escolar. Estudantes de 3º e 4º cuarto curso do Grao en Belas Artes colaboraron coas asociacións DOA, APAMP, ASPANEX, ASPAVI e DOWN da provincia de Pontevedra como monitores de obradoiros nos que o debuxo foi o verdadeiro protagonista. A pesar do reto pedagóxico que supón ensinar a persoas con certas limitacións, todos os alumnos e alumnas que participaron nesta colaboración fan un balance moi positivo da experiencia. “É a primeira vez que din clases a persoas con alteracións psíquicas, pero sen dubidalo, volvería a repetir xa que son moi cariñosos e sensibles e resultou moi gratificante”, apunta Joana Soto, unha das alumnas que participou neste programa de voluntariado no primeiro cuadrimestre. Laura Pérez Tabarés, compañeira de Soto, quere facer fincapé en que a clase hai que enfocala sen pensar nas limitacións do receptor “comprobando que son persoas perfectamente válidas, con aptitudes e cheas de ilusión”, engade. Carmen Nogueira confesa que se sentiu algo nerviosa “xa que nunca lle dera clase a ninguén”, pero tras a primeira toma de contacto, “os obradoiros transcorreron dunha forma amena, sinxela e natural”.

A pintura, a cor, a música e o collage foron os seus principais recursos e “ sempre co obxectivo de estimular a súa creatividade”, comentan. Tras avaliar o seu nivel de debuxo, as alumnas de Belas Artes formularon exercicios para traballar cos sentidos “coa máxima da non intervención, para non interferir no que eles querían realizar”, puntualiza Pérez. Para fomentar a participación e a súa atención, todos os seminarios tiveron unha dinámica moi lúdica “para que conciban a arte como un xogo e un entretemento e que poidan expresarse a través dela”, engade a profesora Loreto Blanco, que supervisou as propostas didácticas de cada unha das súas alumnas.

Novo nicho laboral

Tal como sinala a coordinadora, a colaboración está a ser beneficiosa para as dúas partes “xa que a facultade achega uns coñecementos e metodoloxías específicas e a asociación bríndanos a oportunidade de que os nosos alumnos teñan unha experiencia pedagóxica e humana". Ademais, destaca a posibilidade de que esta experiencia abra novas saídas laborais aos titulados en Belas Artes, dado que moitos dos estudantes deste centro optan pola ensinanza “e algúns poderían especializarse e asumir o reto pedagóxico de dedicarse a alumnado con limitacións de comprensión ou físicas”, sinala.