DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do Máster en Arte Contemporánea colabora con Culturgal

Arte por todos os recunchos da cidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 23/11/2012

Co obxectivo de ofrecer ao público un percorrido artístico polos lugares máis emblemáticos da cidade de Pontevedra, alumnado e profesorado do Máster en Arte Contemporánea organizaron da man de Culturgal un proxecto expositivo que “saca as obras das salas ao exterior”. Porase en marcha o luns 26 de novembro ás 19.00 horas dende a Facultade de Belas Artes, “pero á mañá xa estaremos preparando todas as intervencións”, aclara Eugenia Suárez, unha das comisarias desta mostra itinerante que remata no Pazo da Cultura e que se poderá contemplar nas rúas de Pontevedra ata o domingo 2 de decembro.

As intervencións artísticas, caracterizadas pola pluralidade de propostas e soportes levaranse a cabo en espazos comerciais e referentes da cidade, como a Casa das Campás, a Ferretaría Galega ou a Cafetería El Escritor, “locais todos eles que fan de Pontevedra un lugar exemplar con respecto aos oficios e tradicións”, engade Suárez que comparte o labor de comisariado coa súa compañeira María Prada. Agradecen a colaboración mostrada dende os comercios “pois moitos préstannos os seus escaparates para traballar neles”.

Percorrido por toda a cidade

O proxecto expositivo contempla unha grande variedade de propostas afíns á personalidade de cada artista entre as que non faltará representación de Esdemga, Estudos en Deseño e Moda Téxtil de Galiza, da man de Eva Soto que presentará un deseño inspirado na técnica da papiroflexia. Tras o arranque na Facultade de Belas Artes, o primeira parada “artística” terá lugar na Casa das Campás da man de Iñaky Pérez; Carnaby acollerá a segunda intervención “neste mapa expresivo” cunha intervención de Ana Seoane; a seguinte obra da ruta é a de Nuria Bouzas en Ultramarinos El Cisne para continuar na Ferretería Galega grazas ao enxeño de José Luis Bono; o profesor Nono Bandera compartirá a súa visión profesional en La Casa Winchester; Eva Soto na Fábrica Vintage; a Librería Cao dará acubillo á creatividade de Leticia Gómez e o Arco de Méndez Núñez á de Fernanda Llovo; Paula Naya intervirá en Curtidos Queiro, para rematar o percorrido coas propostas de Igancio Pérez-Jofre na cafetería El Escritor e de Suso Novás na rúa Serra.