DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 70 persoas reúnense na Universidade para celebrar un curso internacional de verán de Butokuk

As artes marciais toman o campus

Deportistas de Europa, Estados Unidos e Canadá practican karate, kobudo, jiu-jitsu, tai chi e chi ku

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Noemí Rey DUVI 05/08/2011

Ten 76 anos, pero iso non lle quita ser o que leve a voz cantante á hora de dirixir e ensinar a un grupo de 70 deportistas ávidos de coñecementos. Jean Chalamon é un dos grandes protagonistas do curso de verán internacional de Butokukai que dende o pasado luns e ata mañá sábado estase a celebrar nas instalacións deportivas da Universidade de Vigo, onde se dan cita persoas de Estados Unidos, Canadá, España, Francia, Polonia, Escocia, Finlandia e Alemaña para practicar as cinco artes marciais nas que traballaba o fundador desta disciplina, Richard Kim: karate, kobudo, jiu-jitsu, tai chi e chi kung.

Infraestrutura e tranquilidade

Unha semana de duro traballo diario mañá e tarde nunhas xornadas desenvolvidas pola Kokusai Butokukai de España no afán que ten esta organización internacional para fomentar a través de cursos e competiciónso intercambio de coñecementos e experiencias entre alumnos e instrutores das oito delegacións repartidas entre Europa e América. Nesta ocasión a delegación española, con case todos os seus membros residentes en Santiago e arredores, decidiron traer o curso a Vigo porque “atopar un lugar que se adecuara ás nosas necesidades non é doado. A Universidade de Vigo ofrecíanos a posibilidade de ter un lugar no que adestrar todo o día, unha residencia preto para desprazarnos camiñando e un lugar tranquilo, non estar no medio da cidade”, explica Óscar Lafuente, un dos membros da organización española de Butokukai.

Entre as curiosidades desta edición en Vigo está o recoñecemento a toda unha vida dedicado a estas artes marciais do francés Jean Chalamon, xa que a organización internacional decidiu entregarlle durante a celebración deste curso o décimo DAN, a máxima distinción do karate, un grao “que outorgan os propios alumnos porque consideran que coa idade que tes e o tempo que levas practicando este deporte ninguén sabe máis ca ti”, recoñece Lafuente.

Despois de seis días perfeccionando todos os recunchos destas cinco artes marciais e de saír de excursión ás Illas Cíes para coñecer un pouco mellor a cidade, este sábado repartiranse os diplomas acreditativos e farase a festa de despedida. O vindeiro ano o curso de verán celebrarase en San Francisco, xa que a organización aposta por empregar o mesmo sistema que as Olimpíadas e facer a reunión cada ano nun continente distinto.

Apto para todos os públicos

Se algo se caracteriza este compendio de artes marciais é polo amplo abano de deportistas que o practican. Nesta reunión en Vigo pódese ver sobre a pista a xente de todas as idades, dende un norteamericano de 15 anos ata o propio Chalamon, cos seus 76 anos recentemente cumpridos. Ao que se votou en falta nesta ocasión foi ao sensei Leon, un estadounidense de 92 anos que cada verán acude aos cursos internacionais para demostrar do que segue sendo capaz, aínda que nesta ocasión as máis de 24 horas de viaxe fixeron que este deportista de pro non cambiase a súa casa en San Francisco pola residencia universitaria de Vigo.