DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Belas Artes foi un dos seleccionados para o programa de accións deste festival

O artista e docente Carlos Tejo, único representante español no encontro internacional de performance de Riga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Internacional
  • Cultura
DUVI Pontevedra 23/06/2023

A Academia de Arte de Letonia foi escenario nos últimos días da Riga Performance Festival Starptelpa, un encontro internacional centrado na arte de acción para o que foron seleccionados 40 artistas de diferentes países europeos. Entre eles, o profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo, único artista español seleccionado para o programa de performances deste evento, xunto performers dos países bálticos, de Alemaña, Francia, Irlanda, Reino Unido, Portugal, Serbia ou Polonia. “É un encontro promovido por Latvijas Performances mākslas centrs, unha asociación letoa cunha traxectoria importante dentro do que é o panorama báltico da performance, para o que reciben un amplo abano de propostas”, sinala Tejo, que destaca tanto a oportunidade que supuxo esta selección tanto á hora de “dar a coñecer a túa obra fora do contexto máis inmediato”, como para compartir experiencias con artistas de toda Europa.

Cunha extensa traxectoria no ámbito da arte de acción, Tejo participou neste encontro internacional cunha proposta na que, “desde o máximo respecto para todos os tipos de perfomance”, propuña unha reflexión sobre a propia disciplina. “Era como unha metaperformance”, recoñece o artista e investigador, que presentou en Riga unha acción titulada Performance Typologies, na que articulaba “unha revisión crítica dalgúns dos clixés máis habituais da práctica” desta disciplina, “desde unha perspectiva irónica e cun toque de humor”. 

Unha oportunidade como artista e como investigador

Alén do positivo de presentar unha acción ideada especificamente para este encontro internacional, “que é unha grande oportunidade a nivel artístico”, Tejo pon tamén de relevo o valor que, como investigador especializado en performance, tivo para el a propia participación neste encontro internacional. Nese senso, destaca o “intenso e ambicioso” programa deste evento internacional, no que o programa de accións viuse precedido por unha serie de conferencias e talleres. Este, lembra, permitiulle non só un maior coñecemento do “panorama báltico da perfomance, que é moi rico e especialmente interesante”, mais tamén achegarse a “moitos modos de aproximarse a esta disciplina”, grazas a participación de artistas de múltiples puntos de Europa. Nese senso, destaca a oportunidade de observar “como a performance se comporta en diferentes países”, xa que, alén de que alén a práctica non se vexa directamente condicionada polo lugar de orixe do artista, “si que hai determinadas contaminacións ou particularidades propias do contexto que resultan moi interesantes”.