DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actuación dentro do ciclo de actividades para conmemorar os 25 anos de Organización Industrial

A Asociación Cultural Seixebra enche o campus de fusión tradicional

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 28/10/2010

Coa idea de innovar na cabeza pero botando man dos bailes máis tradicionais. Con esta premisa arrancou a actuación da Asociación Cultural Seixebra de Moraña no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria, onde mesturaron estilos tan diferentes como poden ser a tradicional muiñeira galega coa xota aragonesa, dando pé a un tipo de baile máis rápido e dinámico pero no que o son das pandeiretas e da percusión non podía faltar. Un concerto enmarcado no ciclo de actividades para conmemorar os 25 anos da titulación de Organización Industrial no que a agrupación quixo amosar un pouco do que leva xa doce anos facendo.

O grupo naceu en 1998 coa intención de revivir a cultura e tradición galegas e, desde aquela, non deixou de bailar e tocar pezas de pandeireta, gaita, percusión e acordeón. Neste momento a asociación está composta por preto de medio centenar de persoas entre corpo de baile e músicos de entre 6 e 50 anos. Agora, aproveitando a mundo de posibilidades que brinda a rede animáronse a ter o seu propio espazo cibernético e a sacar algunha que outra copla. Ademais, contan cunha escola de rapaces con preto de 20 alumnos a partir dos 4 anos. Todo por perpetuar o amor pola cultura galega.