DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tomás Aparicio foi o mellor orador e Inés Túñez a mellor conclusora da competición

A Asociación de Debate Universitario Retórica UVigo gaña o I Torneo de Debate Aduma 

O equipo vigués proclamouse campión tras vencer en todos os debates da liga de grupos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/12/2022

A Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo segue a sumar éxitos, desta volta gañando o I Torneo de Debate Aduma, organizado pola Asociación de Debate Universitario de Málaga, que lles outorga unha praza para a fase final da Liga Española de Debate Universitario 2023. “A vitoria neste torneo representa o mellor recoñecemento posible o traballo dun mes preparando a pregunta: É o actual sistema penitenciario español acorde o principio de reinserción social? Tras gañar todos os debates da liga de grupos, logramos superar as rondas eliminatorias, enfrontándonos na final á Universidade de Almería” ,explica Tomás Aparicio Ayuso, que asegura, que logo de permanecer invictos durante todo o torneo, “non podemos estar máis satisfeitos do traballo realizado”. 

Tomás Aparicio Ayuso, estudante do PCEO ADE-Dereito, integraba xunto a Inés Túñez Ferrín, alumna do Grao en Tradución e Interpretación e Pablo García Salgado, estudante de Enxeñaría de Telecomunicación, o equipo da UVigo, que no I Torneo Aduma se enfrontou e gañou a outras 15 formacións das universidades de Xaén, Málaga, Alacante, Illas Baleares, Almería, Córdoba, Dilema-Sevilla, Granada, Alxeciras, SAFA-Úbeda e Cádiz. Ademais, Inés Túñez recibiu o premio á mellor conclusora do torneo e Tomás Aparicio o galardón ao mellor orador. “É un recoñecemento que recibo con especial cariño. Detrás dun premio sempre hai moito traballo. Ademais, no torneo participaron oradores de moitísima calidade e ser o gañador é una sensación inexplicable, una gran satisfacción persoal”, asegura Aparicio.

A vitoria no I Torneo de Debate Aduma permitirá á Asociación de Debate Universitario Retórica da UVigo estar presente un ano máis na fase final da Liga Española de Debate Universitario, que reúne aos 16 mellores equipos de debate académico do país.