DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas organizadas polo SIOPE

As asociacións sen ánimo de lucro reclaman voluntarios para poder manter as súas actividades

As áreas de participación van dende á cultura á natureza pasando pola infancia e a saúde, entre outr

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 30/11/2010

Cultura, saúde, natureza, infancia, maiores e integración. Estas son só algunhas das áreas nas que se desenvolven as actividades do voluntariado, pero o problema non está na falla de ámbitos ou temas, senón na escaseza de persoas concienciadas da necesidade de participar nelas. Co obxectivo de amosar á comunidade universitaria a ampla variedade de programas nos que poden colaborar de xeito altruísta, estanse a desenvolver unhas xornadas organizadas polo SIOPE nas que participan diversas asociacións e organizacións do eido autonómico.

Tras o paso de Alborada, a Asociación Española contra o Cancro, Adega, Proxecto Ríos e a Oficina de Medio Ambiente da Universidade, a segunda xornada do ciclo conta coa participación de Quérote+, unha iniciativa que botou a andar no ano 2006, da man da Direción Xeral de Xuventude e Voluntariado, co propósito de asesorar aos máis novos sobre prácticas e saúde sexual. Lonxe de buscar a sensibilización dende o punto de vista dos riscos e das enfermidades, os profesionais do centro asesoran partido do pracer que estas relacións producen. “Segue habendo moitos reparos, medos e vergonza en torno a este tema, pero temos comprobado que os métodos tradicionais centrados en crear medos e temores non funcionan”, explica Noa Tilve, psicóloga do centro.

Pese a estar centrada dende os seus comenzos nun só eido, Quérote+ soubo avanzar para adaptarse ás necesidades da sociedade e neste ano abriron notablemente o seu campo de acción para abarcar temáticas como educación e seguridade vial, imaxe corporal, convivencia entre iguais, drogas e seguridade en cortornos virtuais. “O noso obxectivo é proporcionarlle á xuventude a axuda que precisan para contruírse como persoas e facer que as súas experiencias sexan o máis positivas posible”, engade Tilve.

A segunda xornada co ciclo complétase coas intervencións do Comité Antisida e da Asociación Abagal, centrada na prevención e tratamento dos trastornos alimenticios. En representación desta última acudiron as voluntarias Áurea Brea e María José Abeijón, que salientaron a necesidade de contar con persoas que lles axuden a desenvolver os seus proxectos, posto que este tipo de patoloxías están cada vez máis extendidas entre a xuventude.

Un amplo abano de posibilidades

Ao longo das tres xornadas que conforman o ciclo e que rematan mañá mércores, diversas asociacións teñen instalados os seus postos informativos na área comercial da Cidade Universitaria aos que poden achegarse os membros da comunidade universitaria interesados en iniciarse na actividade voluntaria. Así, Cruz Vermella, a OMA, Aspanaex ou a Fundación Cume son algunhas das organizacións ás que se pode acudir para obter asesoramento e que están desexosos de acoller a calquera persoa que desee unirse aos seus proxectos solidarios. Todas elas desenvolven múltiples actividades que non poderían materializarse sen persoas que presten a súa colaboración desinteresadamente, como sucede co servizo de ocio que Aspanaex realiza durante as fins de semana. “Precisamos urxentemente de voluntarios que nos axuden a mantelo en activo porque sen el moitos mozos discapacitados non sairían á rúa cos amigos”, explica Paula Andrés, membro da asociación.

Pola súa banda, Cruz Vermella, partindo da premisa de que un exemplo vale máis que mil palabras ensina a todo aquel que se achegue ao seu stand cómo realizar a maniobra de reanimación cardio-pulmonar.

O voluntariado está aberto a toda a comunidade universitaria

Pese á idea xeralizada de que o voluntariado na Universidade está pensado para os estudantes, Carmen Álvarez, xefa de negociado do SIOPE destaca a necesidade de promover a súa práctica entre profesores, PAS e demais persoas que dun ou doutro xeito se relacionan coa institución. “Entre os docentes a participación é elevada, pero precisamos aumentar os niveis de colaboración porque hai moitas actividades que sen voluntarios non se poden levar a cabo”, explica.

Do mesmo xeito, a promotor da iniciativa reclama a necesidade de que os novos graos incorporen materias relativas a solidariedade e participación social como materias optativas, posto que “deste xeito acadaríamos a transversalidade que a LOU promulga”.