DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro venres en horario de mañá para centros escolares e de tarde para todos os públicos

atlanTTic achegará as súas investigacións á cidadanía nunha xornada de portas abertas

Tamén instalarán un posto informativo o próximo martes na rúa Príncipe

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Visitas
  • Investigación
DUVI 13/10/2023

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, achegará o seu traballo investigador á cidadanía nunha nova edición da xornada de portas abertas Conecta con atlanTTic que terá lugar o vindeiro venres día 20. Esta iniciativa permitirá que ao longo da mañá os centros escolares que estean interesados poidan coñecer as instalacións, laboratorios e liñas de traballo que se desenvolven neste centro, mentres que pola tarde poderá achegarse o público en xeral. Ademais, previamente, o próximo martes instalarán un posto informativo na rúa Príncipe de Vigo no que se farán varias demostracións sobre diferentes proxectos.

“Estamos encantados de organizar xornadas como esta”, sinala o director de atlanTTic, Martín Llamas, “porque nos dá a oportunidade de amosar ao público xeral e a estudantes que queiran encamiñar o seu futuro no noso campo, como é o noso traballo e como se reflicte en melloras reais para o sociedade. É un encontro que levamos facendo desde 2018 e que, este ano presenta dúas novidades: ampliamos o noso horario a mañá e tarde, favorecendo así a visita do alumnado de ESO, Bacharelato e FP e, por primeira vez, trasladámonos ao centro da cidade para achegarnos á xente da rúa”.

En conexión con atlanTTic

Baixo o lema Conecta con atlanTTic, o venres, día 20, celebrarase a xornada de portas abertas con horario de mañá para centros escolares de Vigo e da contorna e, pola tarde, de 16.00 a 19.00, para o público xeral. Máis de 100 estudantes de ESO, Bacharelato e FP coñecerán de preto o equipo e as instalacións, situadas na EE de Telecomunicación, e os seus principais proxectos no ámbito das comunicacións, servizos dixitais e ciberseguridade. Durante a visita achegaranse aos laboratorios, todos eles referencias nacionais e europeas, que forman parte das instalacións do centro, como o de seguimento de satélites no que ademais da visita guiada, poderán participar nun obradoiro e no seguimento do Lume-1, satélite que se encarga de ofrecer informacións na loita contra incendios. Outro dos laboratorios que están a disposición do público é o de Acústica, coa visita guiada á sala de control non-environment e a sala semi-anecoica, así como o laboratorio QOPHI, centrado na investigación e deseño de dispositivos fotónicos integrados. Ademais destes espazos, os investigadores e investigadoras amosarán ao público algúns dos proxectos vinculados coas comunicacións 5G, ópticas e vía satélite, ou proxectos como Panoramix, capaz de diagnosticar a demencia a través do xogo, e o asistente conversacional CELIA, así como sistemas de radar e xeoposicionamento; a aplicación SignaMed, e Lightboard, un taboleiro de cristal luminoso para a educación dixital. Tanto os centros escolares como o público que queira participar deberán inscribirse previamente neste enlace, e entre todas e todos os visitantes sortearase un paquete de regalos promocionais do centro.

Este martes, na rúa Príncipe

Antes da cita do ventes, o martes 17, atlanTTic contará cun posto informativo na rúa Príncipe, diante do Museo Marco en horario de 16.00 a 20.00 horas, no que persoal investigador realizará varias demostracións de avances en comunicacións 5G con un dron que ten conectividade 5G e con Santi, o 'can robot', un modelo cuadrúpedo que conta cunha mobilidade moito máis ampla á de outros tipos de autómatas, e que tamén emprega tecnoloxía 5G. Ademais, membros da asociación UVigo Spacelab amosarán as súas maquetas e proxectos máis recentes de nanosatélites. Tamén haberá xogos e agasallos para as persoas que se acheguen a visitar o posto.