DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo para participar estará aberto ata o 22 de decembro

atlanTTic convoca un concurso de fotos en modo retrato realizadas con iPhone

Outorgarase como premio uns auriculares AirPods Pro de Apple

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • TIC
  • Cultura
DUVI 22/11/2023

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, lanza a primeira edición dun premio para incentivar a participación na investigación forense que realizan no centro. Para isto, convidan ao público en xeral a compartir fotos en modo retrato tomadas cos seus dispositivos iPhone, que permitirán recompilar datos esenciais para a súa análise e, axudar así, a alcanzar avances nas súas investigacións.

Para participar, deben seguirse as instrucións proporcionadas no formulario para capturar e enviar as fotos en modo Retrato (Portrait) con iPhone, e o período de presentación de imaxes estará aberto ata o 22 de decembro de 2023. 

Requisitos para participar

Tal e como recollen as bases do premio, cada participante deberá enviar un total de 20 fotos realizadas cun mesmo dispositivo iPhone, capturadas en dúas sesións de 10 imaxes cada unha. As persoas que posúan máis dun dispositivo iPhone, poderán enviar imaxes desde cada un dos seus dispositivos para aumentar a súas posibilidades de gañar.

Terase en conta que por cada dispositivo iPhone diferente utilizado para enviar fotos, as persoas concursantes recibirán unha participación no sorteo, e aqueles dispositivos marcados cunha ou dúas estrelas terán a posibilidade de sumar participacións extra.
 
As fotos deberán cumprir cos requisitos especificados nas bases para ser consideradas válidas. O premio consiste nuns auriculares AirPods Pro (2023 2ª xeración) de Apple. O sorteo realizarase de maneira aleatoria e a persoa gañadora anunciarase o 23 de decembro a través da páxina web de atlanTTic (atlantic.uvigo.es), das súas redes sociais e tamén será notificada por correo electrónico.