DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xunto coa North Carolina State University, entre outras institucións

atlanTTic coorganiza unha escola internacional de verán sobre detección e comunicación integrada

Desenvólvese en Baiona ata o xoves coa participación de máis de 60 persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • TIC
  • Investigación
DUVI 27/06/2023

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo está a participar esta semana en Baiona no Joint IEEE SPS-AESS and EURASIP Summer School on Integrated Sensing and Communication: A Multidisciplinary perspective, un encontro internacional coorganizado pola IEEE Signal Processing Society, EURASIP (European Association For Signal Processing) e AESS. 

A temática central do evento é a detección e a comunicación integrada, un paradigma de deseño no cal este tipo de sistemas (radio) se integran para utilizar os recursos de maneira eficiente e incluso buscar beneficios mutuos, abranguendo tamén as tecnoloxías habilitadoras correspondentes a este paradigma.

O evento está promovido pola galega Nuria González Prelcic, quen foi directora de atlanTTic entre o ano 2010 e 2017, e actualmente na North Carolina State University. Ela foi a encargada de dar a benvida ás máis de 60 persoas asistentes, procedentes de 12 países, entre eles España, Alemaña, Reino Unido, Xapón, Italia ou Estados Unidos, nunha apertura na que tamén participou Carlos Mosquera Nartallo, docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic, e Luis Pérez Roca, director da área de Comunicacións Avanzadas de Gradiant.

Durante o congreso farase especial fincapé nunha perspectiva multidisciplinar, destacando consideracións que a miúdo se pasan por alto relacionadas coas limitacións de hardware, deseños prácticos de antenas para diferentes bandas de frecuencia ou arquitecturas realistas.

Representación internacional

Esta escola de verán pretende ofrecer unha ampla visión de diversos tipos de interacción entre a detección e a comunicación que poden ser aproveitados nos sistemas sen fíos actuais e futuros. O programa reúne a destacadas investigadoras e investigadores internacionais, que abordarán temáticas como o procesamento de sinal, aeroespacial, microondas, comunicacións e computación.

A primeira xornada contou con varias conferencias de Daniel W. Bliss (Arizona State University) e Fabiola Colone (Sapienza University of Rome), e nas seguintes haberá outras conferencias de expertas e expertos académicos como Robert W. Heath Jr (North Carolina State University), Visa Koivunen (Aalto University), Josep Jornet (Northeastern University), Mikko Valkama (Tampere University) e Daqing Zhang (Peking University). Por parte do ámbito empresarial, haberá relatorios de Tarun Chawla, de Remcom Inc., e de Alberto Rico Albariño, da compañía Qualcomm. 

O programa inclúe sesións técnicas arredor de diferentes aspectos dunha tecnoloxía ISAC determinada. Cada día remata cun panel de discusión no que as persoas asistentes discutirán sobre os temas tratados durante a xornada, e tamén se organizan actividades sociais para facilitar unha maior interacción entre os asistentes. Ademais, haberá sesións interactivas para estudantes nas cales presentarán os seus propios traballos sobre un tema relacionado coa escola de verán.