DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nacen catorce crías de ánade real no estanque do campus de Ourense

Á auga parrulos!

Pertencen a dúas niñadas distintas que saíron da casca cuns días de diferenza

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 10/04/2012

Como xa vén sendo tradición por estas datas a comunidade universitaria do campus de Ourense atopouse á volta das vacacións de Semana Santa cunha pequena sorpresa. Hai novos “inquilinos” nos xardíns universitarios. Trátase de 14 parrulos nados de dúas niñadas diferentes que xa nadan polo estanque universitario ante o sorriso dos que por el pasan. O seu nacemento é un engadido máis ao excelente momento que están a vivir as zonas verdes do campus coa chegada da primavera e co florecemento da vexetación.

José Manuel P. Teijeiro, responsable de xardinería e zonas verdes do campus, salienta que nesta ocasión se trata de dúas niñadas, unha formada por nove crías e outra de cinco, que naceron cunha pequena diferenza de días. A primeira das niñadas era agardada, pois os ovos eran visibles no seu agocho entre as illas de vexetación da lagoa. Sen embargo, a segunda quenda foi unha sorpresa e un motivo de satisfacción, xa que constitúe un indicativo máis do bo estado natural do estanque e da zona, onde habitualmente paran arredor de vinte ánades salvaxes adultos.

Os catorce parrulos xa se moven polo estanque ante a atenta ollada da nai, que guía á crías na súa aprendizaxe nestes primeiros días e que vixía o seu percorrido pendente dos perigos que puideran xurdir. Deste xeito, pouco a pouco van desenvolvendo a súa autonomía. No caso da niñada nacida en primeiro lugar, os parrulos xa está na fase de saír da auga e facer percorridos pola contorna do estanque, guiados igualmente pola súa proxenitora.

As crías estarán na lagoa uns meses, mentres medran e aprenden a desenvolverse. Pasado ese período, explica o técnico do campus, unhas quedarán nos xardíns universitarios e outras buscarán outros espazos. Mentres tanto, son a ledicia dos membros da comunidade universitaria que transitan por esta zona camiño ás facultades e dos ourensáns que cada día se achegan ao campus a gozar das súas zonas verdes, especialmente acompañados dos máis pequenos da casa, para os que estes días os parrulos son a principal atracción.