DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa peza 'Isto non é…' vén de percorrer os festivais teatrais de Lugo, Santiago de Compostela e Ou

A Aula de Danza do campus consolídase nos escenarios

A representación está tendo moi boa acollida entre o público

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 09/05/2012

As alumnas do Obradoiro de Danza do campus de Ourense comezaron as súas clases a principios de curso sen case coñecementos previos e experiencia neste eido. Uns meses despois sóbense xa aos escenarios de festivais teatrais universitarios para representar unha peza propia de danza. Titulada Isto non é... a proposta da aula deconstrúe fragmentos de O lago dos cisnes e da película de Godart Ao final da escapada a través do xogo co propio corpo e con proxeccións audiovisuais. A súa próxima actuación será no festival de teatro da Universidade da Coruña, que se celebra o xoves 10 de maio.

Begoña Cuquejo e Marta Alonso son as compoñentes do Colectivo Traspediante encargadas de impartir o obradoiro, no que participan dez alumnas. “Os talleres teñen un carácter cuadrimestral pero as persoas que se inscribiron no primeiro foron as que repetiron no segundo cuadrimestre, o que nos permitiu un traballo máis en profundidade e unha maior consolidación do grupo”, salienta Cuquejo. Sen coñecementos previos de danza ou escena, as persoas inscritas realizaron unha aproximación á danza contemporánea, traballando a conciencia corporal e escénica e a improvisación, entre outros aspectos.

Como parte do desenvolvemento do obradoiro propúxose a creación dunha peza para a súa representación ante o público. Por dispoñibilidade de tempo e por preferencias persoais, entre todas as participantes catro foron as que decidiron formar un grupo para a actuación fóra da ludoteca do campus de Ourense, onde cada semana se forman e ensaian as compolente da Aula de Danza. “A peza que decidimos facer quixemos que estivera en consonancia coa ferramenta escénica que estamos desenvolvendo na compañía de danza da que Marta e máis eu formamos parte”, explica Begoña Cuquejo.

Posta en escena chamativa

Deste xeito, xurdiu Isto non é... “Nesta obra realizamos unha deconstrución do cuarteto de O lago dos cisnes e da película de Godart Ao final da escapada, collendo deles fragmentos de movementos e aplicándoos á escena”, apunta Marta Alonso. Durante a representación xógase con estes anacos, proxectándoos de fondo e representándoos fisicamente a través do corpo das bailarinas presentes no escenario. Nalgunhas actuacións a posta en escena incluiu ademais a actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense, como un xeito de crear vínculos entre diferentes grupos artísticos do ámbito universitario.

A peza xa foi representada nos festivais de teatro universitario de Lugo e Santiago de Compostela e na Miteu de Ourense. “O público deu unha boa acollida á peza e na Miteu foi unha gran satisfacción escoitar aos espectadores aplaudir, rir e escoitarnos”, comenta Begoña Requeijo. Tras este inicio as docentes salientan que as bailarinas están moi satisfeitas e respondendo na escena “como se realmente fosen profesionais”. A próxima ocasión para comprobalo será no festival de teatro da Universidade da Coruña, que se celebra o xoves 10 de maio.