DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo preséntase por primeira vez ante o público co seu espectáculo 'Anclaje'

A Aula de Danza comeza pisando forte na MITEU e en Unidanza

Está formado por dez persoas, membros da comunidade universitaria e de fóra

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 12/04/2011
Comezou a dar os seus primeiros pasos en outubro de 2010 e apenas seis meses despois a Aula de Danza do campus de Ourense está a recoller os seus primeiros froitos. O día 1 os seus bailaríns e bailarinas participaron na inauguración dunha das citas de referencia cultural da cidade, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense MITEU, e desde este luns participan en Unidanza 2011, festival internacional que organiza a Universidade Carlos III de Madrid e cita obrigada para a danza universitaria en España. Co seu espectáculo Anclaje levan áncoras e comezan a súa andaina ante o público e ante o sector.

A Aula de Danza, chamada D-Ou Tras, creouse a principios de curso e na actualidade está composta por dez persoas, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, cunha clara maioría de mulleres. Filemón Rivas, técnico de cultura do campus, explica que a creación deste grupo xurdiu coa idea de contrarrestar “o pouco calado que ten esta disciplina na cidade” e seguindo o exemplo das universidades da contorna, que xa contan con aulas de danza.

Para levar a cabo esta iniciativa seguise o esquema da Aula de Teatro do campus. Deste xeito, D-Ou Tras desenvólvese no marco dos obradoiros culturais cuadrimestrais que se realizan no campus. Este formato, explica Rivas, tense amosado moi eficiente pois “mestura formación, divulgación e difusión. Non queda só no primeiro chanzo senón que permite crear unha estrutura de continuidade que dá moito xogo, como xa temos comprobado coa Aula de Teatro”.

Primeiros pasos

Begoña Cuquejo e Marta Alonso, do Colectivo de Artes Escénicas Traspediante, son as responsables desta Aula de Danza. Salientan a excelente resposta das persoas que, na súa maioría sen coñecementos previos de danza, se animaron a apuntarse a esta iniciativa a principios de curso e que agora xa se enfrontan ao reto de actuar en público. “Na MITEU estreamos o noso espectáculo Anclaje nunha actuación na que tamén participaron as demais universidades galegas. Para nós foi moi importante porque supuxo a nosa estrea no circuíto de danza universitaria”.

Trala MITEU o grupo ourensán dá un paso máis adiante e participa agora en Unidanza 2011, que comezou este luns na Universidade Carlos III de Madrid e que se prolongará ata o venres. Cuquejo salienta a importancia desta participación, “pois o noso proxecto foi elixido e convidado a asistir, entre os moitos que se presentaron, xunto a outros catro de ámbito internacional, procedentes de México, Francia e Italia, e da Universidade Europea de Madrid”. Segundo explica, nesta elección pesou “principalmente o noso carácter de laboratorio contemporáneo”.

A Aula de Danza do campus de Ourense aproveita estes días en Unidanza para acudir ás conferencias que se imparten, para asistir aos espectáculos profesionais e universitarios que se realizan e para intercambiar coñecementos e experiencias cos seus homólogos. O mércores ás 18.00 horas amosaranlle aos asistentes o seu espectáculo Anclaje, unha intervención na que “parten de ancorar un elemento para mover o resto, sexa este elemento unha parte do corpo ou un concepto”.