DUVI

Diario da Universidade de Vigo

13 persoas fórmanse nela este cuadrimestre

A aula de gaita e percusión trae a música tradicional galega ao campus

Está dirixida por Gonzalo Abelairas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 17/11/2023

Xunto ás de teatro e danza, a aula de música tradicional galega é unha das máis consolidadas no campus de Ourense. Este cuadrimestre, esgotou de novo as súas prazas e son 13 as persoas, membros da comunidade universitaria e de fóra dela, que se forman semanalmente nas instalacións universitarias, aprendendo a tocar a gaita e percusión. A aula forma parte dos obradoiros de extensión universitaria organizados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense, con financiamento da Deputación Provincial. Dirixida polo músico Gonzalo Abelairas, a actividade conta con 30 horas de formación e como lugar de celebración principal o pavillón de estudantes do campus, onde se desenvolven as clases cada xoves pola tarde. Os seus contidos están enfocados tanto ao alumnado de iniciación como ao de perfeccionamento e nas sesións as e os participantes divídense en grupos atendendo ao seu nivel de coñecementos previos e ao instrumento que tocan, compartindo noutros momentos sesións conxuntas. Nas sesións afóndase no coñecemento da percusión e da gaita galega, abordando aspectos como as técnicas de gaita, os tipos de dixitación, o repertorio, a afinación, a ornamentación e outros aspectos da música tradicional.