DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula de Teatro de Ourense inaugurou a Miteu no campus co seu 'Novo mundo feliz'

Hoxe continúan as representacións coa obra 'Contra el progreso'

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 24/04/2012
Nun espazo total, sen aforos, con estruturas de madeira que evocan os diversos lugares polos que discorre a acción, cos actores en escena de principio a fin e que representan multitude de personaxes, desenvólvese Un novo mundo feliz ,a dramaturxia de Fernando Acosta a partir de Un mundo feliz de Aldous Huxley que a Aula de Teatro Universitaria de Ourense puxo en escena na primeira das catro representacións da Miteu que se desenvolverán ata o mércores no Teatro Vidal Bolaño do campus vigués.

Transicións rápidas levadas polas imaxes de fondo e a claridade do espazo aberto, cambios de vestiario vertixinosos e luz e música que conducen ao espectador á consecución das emocións, se suceden nesta historia na que as mentiras reiteradas, a falta de expectativas, a pobreza extrema, levan a un mundo invivible e no que caos se apodera de todo o planeta . Nese escenario unha promesa de orde ábrese paso: a de colocar a cada individuo no seu lugar para a continuación ir anulado a conciencia das persoas a favor dun ben común que facilita a felicidade. Cunha cidadanía separada en clases en un mundo no que o traballo o domina todo, un erro no sistema, un salvaxe que ten nai e que non naceu das probetas infalibles, vai revolucionar ese Novo Mundo.

Creada en 1991, baixo a dirección da compañía Sarabela Teatro, a Aula de Teatro Universitaria de Ourense, completa con este Novo mundo feliz, a tetralogía do futuro adverso que comezou en 1999 con El país de las últimas cosas e que continuou en 2002 con Fahrenheit 451 e 84 en 2008.

Contra el progreso

Este é o suxestivo título da obra que esta tarde a partir das 18.30 porá en escena o grupo de teatro da Universidad Pública de Navarra. Un progreso, sinónimo de avance, de seguir adiante, de mellorar a sociedade a cultura. É algo desexable, a meta de todo pobo e individuo: evolucionar, desenvolverse, perfeccionarse. Quen no seu san xuízo intentaría ir contra o progreso? Quen pode sequera atreverse a concibir un mundo sen progreso? Quen ousaría ir en contra dun dos grandes alicerces da natureza humana?