DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Aula Universitaria de Teatro consolídase coma a estrela dos obradoiros en Ourense

Os ensaios comezan o vindeiro día 8 de novembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
DUVI 02/11/2007
Marta Casanova | Ourense
Un ano máis, e xa van 17, o prato forte dos obradoiros do campus é o teatro. Cunha moi boa acollida entre os estudantes as prazas están case completas nos distintos niveis. Fernando Dacosta, director da Aula Universitaria de Teatro foi o encargado de darlles a benvida aos novos alumnos, ubicalos no nivel correspondente e explicarlles os contidos do curso e as datas das montaxes. Segundo as súas propias palabras “as impresións trala presentación non puideron ser máis positivas, estamos coas pilas cargadas despois dun longo verán e a sensación é moi boa”. A partir do día 8 comezan os ensaios onde terán que demostrar a súa valía.

Grupos para todos os niveis

A Aula, divídense en 4 grupos: “Rosaura”, “Cordelia”, “Maricastaña” e teatro infantil.“Rosaura”, o nivel inicial, ten as súas prazas sempre cubertas. Para eles esta edición vai comezar coa posta en marcha do curso “Adestramento actoral”, impartido por Sabela Gago e Flor Figueroa, que pretende poñer o corpo en acción, explorando os centros expresivos cara o feito artístico, a propia linguaxe e o desenvolvemento dramático. Con estes recursos poderá abordarse a rúa e coller ao público por sorpresa. No segundo cuadrimestre realizarase unha mostra de traballo: “Teatro de rúa” cunha acción para a inauguración da Mostra de Teatro Universitario que este ano celebrará o 12 de abril a súa décimo segunda edición, convertendo unha vez máis a cidade nun escenario improvisado.
O segundo nivel chámase “Cordelia” e accédese a el dende “Rosaura”, unha vez superada a formación ou ben demostrando nunha entrevista que se ten experiencia previa en obras de teatro. O director recalca que non se fan probas de selección porque a súa obriga é “darlle cabida a quen queira, facer que disfruten e sacar as súas calidades, non dicirlles que non serven para un determinado grupo”. Aquí, Fina Calleja e Elena Seijo son as encargadas de impartir dous cursos: “O obxecto transformado”, que outorga a importancia xusta aos obxectos á hora de construír os personaxes, e “O personaxe” que tenta enfrontar ao alumno á construcción dun personaxe dende as súas motivacións, as liñas de acción, os seus obxectivos e incluso o seu físico. Coma mostra do aprendido, montarán as escenas dunha obra de teatro que se estreará na MITEU.
O terceiro nivel, “Maricastaña” vai ser impartido por Suso Díaz e xirará ao redor da improvisación e o xogo teatral. O grupo representará “84”, inspirada na novela de George Orwell por toda Galicia e Portugal.
O último dos grupos, o de Teatro Infantil, pretende ensinar a importancia do teatro para os nenos coma recurso didáctico e coma linguaxe expresiva. Estrearán a súa obra na IV Mostra de Teatro Infantil que terá lugar en Nadal.
A Aula de Teatro está aberta a calquera que queira participar nela pois precisamente o obxectivo e achegarse a toda a poboación, aínda que teñen prioridade os alumnos da Universidade.